Pérez Bouza preguntoulle esta mañá no Pleno do Senado ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, pola “cobertura real” de poboación en zonas rurais e illadas de Galiza que garante o Goberno dentro do Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) para o presente 2008.
Lembroulle que faltan uns 5 meses para que conclúa o PEBA , unha iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que en Galiza está a executar Telefónica para “estender a cobertura de banda ancha ás zonas rurais e illadas onde non existe unha oferta con condicións similares ás dispoñíbeis nas zonas urbanas” e subliñou, con 28.741 núcleos de poboación contemplados, Galiza conta co 49,46% das zonas do Estado obxectivo do PEBA.
O ministro asegura que o 99% da poboación do rural galego ten cobertura para acceder a internet de banda larga
Na súa reposta o ministro de Industria asegurou que Telefónica “está cumprindo as tres condicións que marcamos: cobertura en todos núcleos de poboación de Galiza, chegando como mínimo ao 90% da poboación, e cumprir as condicións de prezos e técnicas marcadas”.
Neste sentido, informou de que “dos 28.806 núcleos de poboación galegos incluídos no Plan PEBA, no 99,8% cumpriuse o obxectivo, achegando a cobertura de internet de banda larga a 313 municipios e a 1,2 millóns de habitantes, o que supón o 99,4 % da poboación” obxectivo.
Engadiu ademais que se abrirá unha nova convocatoria –Fase III do PEBA- para 1.908 núcleos de zonas diseminadas. O ministro concluíu asegurando que “o Estado Español é o país da Unión Europea con máis cobertura de internet no medio rural”.
“Visión triunfalista que non se corresponde coa realidade”
Para o senador do BNG a resposta do Ministro de Industria “ten un ton triunfalista que non se corresponde coa realidade, xa que Telefónica non cumpra ningunha das tres condicións marcadas no Plan PEBA”.
Así, lembroulle que “Telefónica considera que un núcleo de poboación está cuberto cando en realidade trátase dunha cobertura parcial, co que arredor do 20% da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga”.
Denunciou tamén que “a calidade do servizo que se ofrece é inferior á das áreas urbanas e a custo maior para os usuarios”. Así, os servizos de ADSL rural permiten un ancho de banda de só 512 kb , mentres que o WIMAX e Satélite só de 256 kb.
“O BNG esixe ao Goberno que obrigue a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas”
Ademais, lembrou que os clientes do servizo ofertado a través do PEBA non teñen posibilidades, en moitos casos, de contratar outros servizos, como pode ser o DUO, que son en gran medida tractores da extensión do uso da banda longa. “E todo isto -subliñou- por un prezo de 39 € mensuais aos que lle hai que engadir o prezo da liña e o IVE”.
“En Galiza moitos núcleos de poboación do rural seguen sen ter cobertura de internet, e cando a teñen é de calidade inferior e a un prezo inferior á das zonas urbanas. O BNG esixe que o Goberno obrigue a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas: acceso á banda larga en todos os núcleos incluídos no Plan PEBA, cun ancho debanda non inferior a 1 Mb, cun prezo non superior a 40€ mensuais e que permita contratar servizos como o DUO”, concluíu o senador do BNG.
0 comentarios:
Postar um comentário