Mostrando postagens com marcador ADSL. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador ADSL. Mostrar todas as postagens

Mellora no ciberespacio Oiense

. 18 de junho de 2008
0 comentarios

Por unha vez, un corte de teléfono en Oia foi una boa noticia para o concello. Isto pasou a semana pasada cando moitos dos usuarios de liñas telefónicas do noso concello notamos deficiencias no servicio, eran debidas ás melloras nas nosas liñas. Telefónica fixo realidade a sua promesa de equiparar o prezo e a velocidade do ADSL rural ao urbano a partir do mes de xuño para cumprir coa orde dada pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións.

O adsl rural xa non e a única opción de adsl fixa no concello. Nas liñas que non soportan a velocidade de 3 Mb ofrecida como base nas ciudades tan só ofertan ata 1Mb de velocidade a un prezo de 29.95 incluindo chamadas sendo o prezo de 39.95 no caso de ofrecer ata 3Mb nas liñas que si o soportan.

Iso si, a picaresca da compañía consiste en seguir facturando o adsl como adsl rural ós usuarios que así o tiñan contratado ata o momento, polo que compre chamar a telefónica para cambiar de modalidade e aumentar a velocidade e baixar o prezo.

Vía> OiaWifiXa

A Xunta cubrirá cunha rede propia o rural sen ADSL

. 6 de junho de 2008
0 comentarios

A Consellería de Industria planea lanzar unha rede WIMAX propia para levar a alta velocidade ás aldeas que a ADSL Rural de Telefónica –subvencionada polo Estado a través do PEBA– non cubriu. É un proxecto de grande envergadura para o que hai un orzamento estimado de 77 millóns.

A gran novidade é que se trata dunha rede propia, propiedade da Xunta. O servizo será xestionado mediante concesións e non será gratuíto, pero si a un prezo similar ao da alta velocidade nas cidades.

Neste intre, a Consellería está a ultimar a elaboración do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación. En base a este Mapa, a Xunta identificará as zonas sen cubrir e a tecnoloxía a empregar en cada lugar. En todo caso, parece que o WIMAX, un sistema sen fíos, será a solución máis usada.
Precedentes en 12 municipios
O obxectivo é que o proxecto comece a aplicarse antes final de ano. Industria prevé aproveitar a experiencia da ducia de redes sen fíos municipais que xa están en marcha grazas ás subvencións deste departamento. Neste intre o servizo funciona ou está a piques de comezar en Boborás, Calvos de Randín, Castrelo de Miño e Manzaneda en Ourense; Ponteareas, Tomiño, Cuntis en Pontevedra; Curtis, Muxía e San Sadurniño na Coruña e Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto e Mondoñedo en Lugo.
O novo plan pasa por estender o servizo a outros concellos nos que a cobertura da ADSL Rural de Telefónica non está a dar os resultados previstos. De feito, os 77 millóns previstos proveñen dun préstamo do Estado, que deixará que as Comunidades Autónomas xestionen directamente unha nova fase do PEBA, o Plan de Extensión da Banda Larga que lanzou o Ministerio de Industria e que debía rematar, en principio, dentro dentro de catro meses.
Protestas ante os datos irreais do Estado
O certo é que varias autonomías abriron un fronte de protesta contra ao Estado pois consideran insuficientes os resultados do Plan, que en Galiza supuxo cuantiosas subvencións a Telefónica para que mellorase a súa rede no rural e puidese así ofrecer ADSL en máis zonas. Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, foi das máis activas en reclamar que fosen as autonomías as que xestionasen por si unha nova fase do PEBA.

Finalmente o Ministerio cedeu e cada autonomía disporá dos cartos para aplicar a solución que consideren máis axeitada.

Cómpre ter en conta que nos últimos meses aumentou a ofensiva política do BNG ante os datos de cobertura do PEBA. Así o senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza vén de alertar que as cifras oficias do Ministerio de Industria son irreais, pois “consideran que un núcleo de poboación está cuberto cando en realidade trátase dunha cobertura parcial, co que arredor do 20 por cento da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga”. É dicir, Telefónica dá por completado o servizo nunha zona cando a realidade é que moitos veciños seguen sen poder acceder a internet de alta velocidade.200.000 galegos illados da rede

Ademais, o Parlamento de Galicia reclamou hai uns meses por unanimidade que a banda larga teña o mesmo prezo e velocidade nas aldeas e nas cidades. O promotor da iniciativa, o deputado Fernando Blanco Parga, cifrou en 200.000 os galegos que aínda non poden acceder ao ciberespazo con banda larga. Pola contra, o ministro de Industria, Miguel Sebastián, afirmou a semana pasada nas Cortes que o PEBA xa cubría o 99% dos dos municipios.

Duplicidade de esforzos públicos?

En todo caso, a rede propia da Xunta pode chocar con outra iniciativa pública, anunciada pola Deputación de Pontevedra. O seu presidente, o conservador Rafael Louzán, comprometeu acometer, se fose preciso en solitario, a implantación no rural de acceso a internet en todas as areas rurais da provincia.

Vía > A Nosa Terra

Noventa concellos carecen de banda larga

.
0 comentarios

A deputada do PPdeG Susana López Abella denunciou esta mañá no Parlamento, usando datos da propia Xunta, que noventa municipios do país aínda carecen de acceso á internet de alta velocidade. A directora xeral de Sociedade da Información cifrou nun 85 por cento os galegos que teñen acceso á alta velocidade.

Helena Veiguela, responsábel da política de novas tecnoloxías da Xunta, lembrou que “a Xunta de Galicia non ten competencias en materias de telecomunicacións”, polo que non pode obrigar ás operadoras a prestar máis servizos que os mínimos fixados nas leis estatais.

Así, lembrou que os sucesivos gobernos de Madrid evitaron concretar a velocidade mínima de acceso internet, polo que hoxe é na práctica de 56 kb. por segundo, insuficiente para facer uso efectivo das capacidades multimedia da rede.

O mellor dos escenarios previstos

López Abella denunciou que o Galimap, sistema de información xeográfica da Xunta, recolle que noventa municipios –a maioría no interior de Lugo e Ourense– aínda non teñen acceso á rede de alta velocidade. De seguido, lembrou que o Estado prometeu que o cen por cento da poboación tería acceso á alta velocidade en 2008. Veiguela replicoulle que a extensión actual da banda larga en Galiza –85% da poboación segundo a Consellería de Industria– cumpre o escenario máis optimista fixado no PEGSI, o Plan de novas tecnoloxías do Executivo.

Chantada

A deputada conservadora reclamou información sobre a extensión de Redes WIMAX na comarca de Chantada, ao que a directora xeral respondeu que non había ningunha iniciativa específica.

Veiguela usou datos da iniciativa estatal PEBA –que en Galiza subvenciona a Internet Rural de Telefónica– para indicar que nesta comarca hai 1.300 cidadáns –sobre un total de 10.000– que non poden acceder a rede. Con todo, explicou que a terceira fase do Plan PEBA fará chegar o ADSL a 40 novos núcleos a 700 persoas este ano.

Vía > A Nosa Terra

O BNG reclama banda ancha de calidade para todo o rural galego

. 29 de maio de 2008
0 comentarios

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, considera “irreal” a cifra de 99% de núcleos de poboación do rural galego que dispoñen de cobertura de internet de banda larga, “algo que pode contrastar calquera cidadán intentando contratar acceso a internet no rural”.

Pérez Bouza preguntoulle esta mañá no Pleno do Senado ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, pola “cobertura real” de poboación en zonas rurais e illadas de Galiza que garante o Goberno dentro do Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) para o presente 2008.

Lembroulle que faltan uns 5 meses para que conclúa o PEBA , unha iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que en Galiza está a executar Telefónica para “estender a cobertura de banda ancha ás zonas rurais e illadas onde non existe unha oferta con condicións similares ás dispoñíbeis nas zonas urbanas” e subliñou, con 28.741 núcleos de poboación contemplados, Galiza conta co 49,46% das zonas do Estado obxectivo do PEBA.

O ministro asegura que o 99% da poboación do rural galego ten cobertura para acceder a internet de banda larga

Na súa reposta o ministro de Industria asegurou que Telefónica “está cumprindo as tres condicións que marcamos: cobertura en todos núcleos de poboación de Galiza, chegando como mínimo ao 90% da poboación, e cumprir as condicións de prezos e técnicas marcadas”.

Neste sentido, informou de que “dos 28.806 núcleos de poboación galegos incluídos no Plan PEBA, no 99,8% cumpriuse o obxectivo, achegando a cobertura de internet de banda larga a 313 municipios e a 1,2 millóns de habitantes, o que supón o 99,4 % da poboación” obxectivo.

Engadiu ademais que se abrirá unha nova convocatoria –Fase III do PEBA- para 1.908 núcleos de zonas diseminadas. O ministro concluíu asegurando que “o Estado Español é o país da Unión Europea con máis cobertura de internet no medio rural”.

“Visión triunfalista que non se corresponde coa realidade”

Para o senador do BNG a resposta do Ministro de Industria “ten un ton triunfalista que non se corresponde coa realidade, xa que Telefónica non cumpra ningunha das tres condicións marcadas no Plan PEBA”.

Así, lembroulle que “Telefónica considera que un núcleo de poboación está cuberto cando en realidade trátase dunha cobertura parcial, co que arredor do 20% da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga”.

Denunciou tamén que “a calidade do servizo que se ofrece é inferior á das áreas urbanas e a custo maior para os usuarios”. Así, os servizos de ADSL rural permiten un ancho de banda de só 512 kb , mentres que o WIMAX e Satélite só de 256 kb.

“O BNG esixe ao Goberno que obrigue a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas”

Ademais, lembrou que os clientes do servizo ofertado a través do PEBA non teñen posibilidades, en moitos casos, de contratar outros servizos, como pode ser o DUO, que son en gran medida tractores da extensión do uso da banda longa. “E todo isto -subliñou- por un prezo de 39 € mensuais aos que lle hai que engadir o prezo da liña e o IVE”.

“En Galiza moitos núcleos de poboación do rural seguen sen ter cobertura de internet, e cando a teñen é de calidade inferior e a un prezo inferior á das zonas urbanas. O BNG esixe que o Goberno obrigue a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas: acceso á banda larga en todos os núcleos incluídos no Plan PEBA, cun ancho debanda non inferior a 1 Mb, cun prezo non superior a 40€ mensuais e que permita contratar servizos como o DUO”, concluíu o senador do BNG.

Vía > Asociación de Internautas

O rural comezará a ter ADSL "de cidade" en xuño

. 8 de maio de 2008
0 comentarios

Telefónica, empresa encargada de levar o ADSL ao rural do país, anunciou que comezará a equiparar o prezo e a velocidade do ADSL rural ao urbano a partir do mes de xuño. Deste xeito, cumprirá coa orde dada pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións no mes de marzo e que equiparaba os prezos do servizo de acceso á internet en todo o territorio estatal.Até agora, nas áreas rurais ofrecíase unha velocidade de descarga de até 512 kilobits por segundo ao prezo que se cobran 3 megas nas zonas urbanas, 39 euros máis IVE. A partir de agora, a compañía de telecomunicacións deberá, ou ben aumentar a velocidade sen variar o prezo, no caso de que sexa tecnicamente posíbel, ou ben recortar as tarifas até os 29 euros cando as liñas non permitan maior fluxo de datos.Con esta medida poderíase conseguir que moitos usuarios potenciais do rural que non accedían ao servizo polas súas desfavorábeis condicións se animen a contratalo. Calcúlase que só o 10% das 80.000 persoas que podían optar ao ADSL no rural contaban con ese tipo de conexións. Ademais, Galiza concentra a metade das conexións de ADSL rural de todo o Estado, pola súa dispersión xeográfica.

Relacionadas:
·O ADSL rural navega dez veces máis lento que o de cidade
·A CMT obriga a Telefónica a equiparar o prezo do ADSL rural ao urbano

Vía > Vieiros

O ADSL rural navega dez veces máis lento que o de cidade

. 2 de abril de 2008
0 comentarios

Os internautas que se conectan desde o campo con ADSL rural navegan dez veces máis lento que os usuarios que dispoñen de ADSL nas zonas urbanas, segundo un estudo que fixo o portal de Internet ADSLzone sobre a velocidade deste servizo.

O estudo baseado en 18.000 usuarios con ADSL rural obtén un resultado dunha velocidade media de 296 kilobits, un 57,8% do que promete Telefónica, segundo devandito portal.

O servizo de ADSL rural básico de 512 kilobits, asociado ao programa de extensión da banda ancha en zonas rurais e illadas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio conta con 60.000 abonados en España.

A rebaixa que anunciou recentemente a Comisión de Mercado das Telecomunicacións no prezo almacenista do ADSL que Telefónica cobra aos seus rivais, pretende diminuír a fenda dixital entre o campo e a cidade.

O proxecto cofinanciado polos Fondos Feder para acabar coa fenda dixital en comunidades como Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana ou a Rexión de Murcia, pretende ademais facilitar un acceso a Internet de calidade. Pero de face a este ano, os obxectivos das diferentes administracións céntranse no impulso definitivo da sociedade da información: o Goberno e as Comunidades Autónomas deberán conseguir antes do próximo 31 de decembro a cobertura de servizo universal de banda ancha en todo o Estado.

Vía > A Voz de Galicia

A CMT obriga a Telefónica a equiparar o prezo do ADSL rural ao urbano

. 31 de março de 2008
0 comentarios

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) aprobou este venres os novos prezos de referencia dos servizos maioristas de banda larga de Telefónica de España, que reduce notabelmente os prezos que a empresa de telecomunicacións lles cobra aos operadores alternativos. Un dos principais cambios é que Telefónica deberá ofrecer os mesmos prezos nas áreas rurais e nas urbanas, co que, en principio, rematará a discriminación que sufrían os usuarios do chamado ADSL rural.

As tarifas maioristas teranse que aplicar en todo o territorio estatal, o que provocará que os prezos de ADSL rural se reduzan entre o 50 e o 86 por cento. A CMT considera que ofrecer distintos prezos en función do territorio supón un risco de distorsión da competencia no mercado da banda larga.

As baixadas de prezos súmanse ás que a CMT efectuou de xeito cautelar en decembro de 2006 e novembro de 2007. As reducións son máis pronunciadas nas velocidades máis altas, que chegan até o 69% nalgunhas modalidades. Ademais, Telefónica terá que aplicar as reducións ditadas pola Comisiónj en todas as súas modalidades minoristas, mesmo as de 10 e 20 megas.

Por outro lado, a oferta de referencia crea o servizo "Naked ADSL", que lles permitirá aos operadores minoritarios prestar o servizo de acceso indirecto sen que o aboado lle teña que pagar a liña de voz a Telefónica, cunha cota mensual adicional de 9,45 euros.

Vía > Vieiros