Levantan a balea, de tres toneladas

. 20 de maio de 2008

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O cadáver da balea que tanto ten dado que falar estes días en Oia xa está no porto pesqueiro deste Concello e á primeira hora da mañá de hoxe un camión contratado pola Consellería de Medio Ambiente trasladarao ata unha empresa de incineración da Coruña.

O Concello conseguiu onte sacar o corpo do cetáceo das rochas de Viladesuso logo dunha complicada operación de rescate que foi seguida por centos de veciños. Unha lancha de Salvamento Marítimo remolcou o mamífero ata a entrada da bocana de Oia e, desde alí, outra embarcación de pesca de menor calado arrastrouno ata a rampla de varado, onde foi sacado da auga cun tractor.

Os traballos de rescate comezaron pola mañá. Operarios do Concello desprazáronse ata o lugar do varamento para atar a balea con cabos e redes. Tamén participou unha brigada de Protección Civil de Nigrán, que levou a cabo a misión máis arriscada, que consistiu en achegarse cunha lancha neumática desde o mar nunha zona moi rochosa.

Os efectivos do Val Miñor colleron o cabo co que estaba atado o cetáceo e fondearon o outro extremo cunha aboia a 500 metros mar dentro para permitir que pola tarde puidese ser enganchado á lancha que se encargou de remolcar o cetáceo. O Concello preocupouse de colocar unhas aboias ao longo da corda para mantela sempre na superficie e evitar que se deteriorase en contacto coas rochas. Tamén amarrou varios flotadores ao corpo do animal para que non perdese estabilidade durante o seu traslado.

A operación causou un gran interese entre os veciños de Oia. A nave de Salvamento Marítimo chegou pouco antes das catro da tarde e para esa hora xa había máis de 200 persoas esperando nas rochas para contemplar o espectáculo.

Operación

A máxima preocupación do alcalde, Leandro Rodríguez, era que a corda non rompese unha vez que a embarcación comezase a tirar dela. Afortunadamente todo saíu como estaba previsto. A balea saíu sen ningunha dificultade das rocas, axudada tamén pola pleamar. A lancha de Salvamento Marítimo apenas tardou media hora en chegar ata o porto de Santa María de Oia, en cuxa rampla de varado estaban esperando técnicos municipais cun tractor.

O mamífero foi depositado no peirao ante a mirada de centenares de persoas.

O rexedor queixábase onte da falta de apoio das confrarías de pescadores de Baiona e da Guarda e tamén de que, tras recibir a visita de numerosos técnicos da Xunta, ao final tivese que ser el mesmo quen inxeniase o mellor xeito de retirar o animal. O rescate tampouco fose posible se non fose pola axuda de voluntarios. Uns achegaron boias, outros compraron os cabos e un mariñeiro da Guarda cedeu a súa propia embarcación para poder remolcar o corpo ata a rampla de varado.

Tamén en Nigrán as autoridades locais conseguiron desfacerse onte do caldeirón que quedou varado en Monteferro, logo de trasladalo ata Monte Lourido, onde foi izado a un camión.

Un tráiler levará hoxe a balea, o caldeirón de Nigrán e o outro exemplar da mesma especie que foi recuperado o luns na parroquia de Mougás.

Vía > A Voz de Galicia