Ana Gandón e a súa burra Cuca, na conta atrás

. 12 de março de 2008

Por Soledad Antón:


É o escenario polo que un bo día do 2003 Ana Gandón cambiou a política municipal. En realidade, un inmellorable día a xulgar polo entusiasmo con que conta detalles da súa nova vida. En Budiño de Serraseca, que así se chama a súa casa de labranza, séntese como peixe na auga. Dá a impresión de que non coñecese máis profesións que as de hospedera ou agricultora.

Chámoa porque me contan que o seu predio é unha das contadas de Galiza nas que vive ás súas anchas unha burra, animal case en vías de extinción. «Contáronche ben -di-, pero pronto terei dous porque Cuca está a piques de parir». Engade que resulta unha aliada moi valiosa no predio, e non só porque se merende as herbas, senón polo abono que proporciona.
Noutras circunstancias, cuns resultados electorais aínda quentiños, Ana Gandón estaría explicando o ben paradas que saíran as súas siglas, tal vez a posibilidade de converterse en bisagra, o incremento de votos en tal ou cal distrito... Pois non. Nin unha palabra de política en case unha hora de parola. Do que si falamos é de allos, cebolas, feixóns, chícharos, cenorias, fresas, cabaciñas... «En produtos de horta somos autosuficientes. Temos colleita para todo o ano», presume.
Tamén falamos de como se produciu a metamorfose: «Facía tempo que tiña claro que quería regresar ao campo no que me criei de nena». Explica que cando viron o predio (tras o plural agóchase Xurxo Iglesias), tiveron claro que aquilo era o futuro. Presente desde fai máis de tres anos. Cinco mil metros cadrados á beira do río Broi callados de salgueiros, carballos, castiñeiros... E unha vella construción erguida en 1753 por Benito Álvarez, segundo consta no Catastro de Enseada.
Aínda que durante os máis de dous séculos de existencia coñeceu varias reformas e ampliacións, impoñíase unha rehabilitación integral conservando a estrutura, o forno, a lareira... En definitiva, o espírito dunha casa de labranza tradicional. Foron sobre seguro e encomendaron o traballo aos arquitectos Manuel Portolés, Salvador Fraga e Javier Quijada. O resultado está á vista.
Seguro que agora xa entenden por que practicamente non volveron a ver a Ana Gandón por Vigo. Se normalmente se move pouco do seu particular galiñeiro, estes días menos. Non quere que o inminente parto de Cuca a pílle lonxe. «É a primeira vez que me vexo nunha situación como esta recoñece. Menos mal que Julia, a miña veciña, está habituada a asistir a partos de todo tipo de animais».
Se lles pica a curiosidade, poden facer unha visita virtual aos dominios da nova Ana a través da páxina www.budinho.com. Ata neste apartado foron orixinais. Claro que detrás do traballo agóchase a man do desaparecido Xan Traba. Estaremos atentos ao desenlace. Do parto, digo.

Vía > A Voz de Galicia