O Sergas ampliará antes do verán o centro de saúde de Oia

. 19 de fevereiro de 2008

O Sergas comezará antes da próxima tempada de verán as obras de ampliación do centro de saúde de Oia, segundo indicou onte o delegado provincial da consellería de Sanidade, Juan Antonio Martín Tejedor.
O responsable da Xunta realizou onte unha visita institucional a este Concello e foi recibido polo portavoz socialista, José Antonio Olmedo, que lle mostrou os terreos onde levarán a cabo as obras.
O proxecto contempla a creación dun novo edificio anexo que será construído na parte traseira e xunto ao colexio municipal. O portavoz local do PSOE expuxo ao titular da Xunta a necesidade de construír un novo muro de contención para eliminar calquera risco de corremento de terras sobre o centro educativo.
Juan Antonio Martín Tejedor recordou que a Consellería xa dispón do proxecto básico para proceder a esta ampliación e que na actualidade estase redactando o proxecto de execución e de dirección da obra, iniciativa que cumprirán antes da primavera.

Consultas

O futuro edificio asistencial contempla dúas consultas de medicina xeral e unha de enfermería, así como un área específica de pediatría cunha consulta, unha enfermería e unha sala de espera para nenos.
A atención obstétrica tamén quedará reforzada coas novas instalacións, ao contar cunha consulta de matrona e unha sala de educación maternal.
O novo centro tamén contará con espazos administrativos actualmente inexistentes, como un área de admisión, de arquivo de historias clínicas, sala de persoal e de xuntas e un almacén. O orzamento rolda os 700.000 euros.
O delegado provincial supervisou a evolución do plan de mellora da atención primaria neste Concello, que permitiu a creación de novas prazas de persoal, coa incorporación dun novo facultativo, unha enfermeira e unha persoa dedicada a servizos xerais.
Por outra banda, durante a súa visita de onte, quedou patente a intención da administración sanitaria galega de que o centro de saúde de Oia conte proximamente cun control capilar dos tratamentos de anticoagulación oral, comunmente denominado Sintrom Capilar.
O Sergas está a piques de finalizar as xestións técnicas e asistenciais co servizo de Hepatoloxía do Hospital Meixoeiro de Vigo para implantar esta modalidade extractiva no centro de saúde. Con esta medida, prevese beneficiar a máis de 60 pacientes sometidos a este tipo de tratamentos, que xa non terán que desprazarse.

Vía > A Voz de Galicia