Deteñen a un veciño de Oia como presunto autor de abusos sexuais á súa filla, de dous anos

. 11 de fevereiro de 2008

A Garda Civil detivo na mañá de onte a un veciño da localidade pontevedresa de Oia como presunto autor dun delito de abusos sexuais na persoa da súa filla, de dous anos de idade.

A denuncia sería interposta pola propia nai da pequena vinte e catro horas antes de que se producise o arresto. Ao parecer, na mesma mañá do sábado, a proxenitora notaría rara á menor e, por mor do seu comportamento e expresións, aínda que sen saber aínda a que podería deberse, acudiu con ela a un centro médico da próxima localidade da Guarda.

Tras unha primeira valoración, os facultativos deste servizo optaron por remitila ao Hospital Xeral de Vigo co fin de que puidese ser examinada con detalle por un médico forense.

O detido, cuxas iniciais son A.O.M. e ten 39 anos, foi trasladado á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, onde pasou a noite. Hoxe pola mañá está previsto que compareza ante a responsable do Xulgado de Instrución de Tui, encargado do caso.

A menor, filla única da parella, vive con ambos os proxenitores na parroquia de Torroña. Membros do Emume (Equipo Muller-Menor) da Policía Xudicial da Garda Civil pontevedresa detiveron ao pai precisamente no domicilio conxugal a media mañá, onde se recolleron distintos datos que poderían axudar a esclarecer o caso.

Vía > A Voz de Galicia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG