A Asamblea Local do BNG de Oia a través do seu responsable local, Miguel Giráldez, presentou por rexistro de entrada no Concello de Oia 4 mocións sobre os servizos de transporte, os orzamentos da Deputación de Pontevedra, o servizo de correos e para o mantemento da tarifa nocturna.
A primeira, por iniciativa de Galiza Nova, que demanda que se melloren os servizos de transporte, solicitando que se incrementen tanto as conexións das liñas de tren como a periodicidade das liñas de autobuses, nomeadamente cos concellos limítrofes (Baiona e A Guarda) e tamén que se aposte polo transporte interparroquial, claramente necesaria para o municipio. Nesta mesma moción Galiza Nova solicita que os estudantes do instituto de Baiona teñan gratuidade nos seus billetes de autobús.
A segunda moción presentada polo BNG solicita do Concello que se inste a Deputación de Pontevedra a gastar os seus orzamentos naquilo no que ten competencias habida conta da cantidade de diñeiro que gasta en cuestións que non lle competen, polo que se pide que refaga a súa estrutura orzamentaria en beneficio da cooperación cos municipios, e que "cinga a súa actuación ás competencias propias da Deputación", negociando a transferencia de servizos e equipamentos que non son da súa competencia ás administracións correspondentes.
Unha terceira moción para que se siga prestando dignamente o servizo de correos, en especial nas parroquias onde o reparto a domicilio vai a desaparecer para as casas "que estean a mais de 250 m. da vía pública habitualmente utilizada por calquera dos servizos públicos" e vai a ser substituído por "buzóns colectivos" en cruces de camiños. Esta é unha situación que preocupa enormemente ao BNG sobre todo pensando que no rural galego viven moitas persoas maiores ás que agora se lles pretende suprimir servizos.
A cuarta das mocións presentadas solicita unha regulación clara da Tarifa eléctrica nocturna que desaparecerá definitivamente no mes xullo sen que se teñan ofrecido alternativas económicas a aqueles que desfrutaban dela e que agora terán que gastar unha boa suma de diñeiro para "adaptar" o seu sistema eléctrico as novas esixencias. Neste senso o BNG tamén solicita que se subvencionen parte dos gastos que van a ter os usuarios da tarifa nocturna aos que se lles obriga a cambiar de sistema.
Vía > InfoRosal
1 comentarios:
Menos mal que temos a alguen, que se preocupa, polo axuntamento e tamen polos seus habitantes (ousexa nos).
Forza!!! fenomeno!!!
Postar um comentário