ISIDRO PÉREZ (FOTO PARÍS), PRESENTA UNHA MOSTRA DE FOTOGRAFÍAS NO CENTRO CULTURAL DA COMUNIDADE DE MONTES DE OIA

. 7 de agosto de 2008

O Centro Cultural da Comunidade de Montes de Oia, amosa ata o día 15 de agosto de 2008, unha moi interesante mostra fotográfica retrospectiva do fotógrafo Isidro Pérez González (Foto París). Na exposición - que pode visitarse a partires das 4 da tarde, e os sábados e domingos durante todo o día -, podemos ollar unha visión moi variada da nosas entrañables xentes de Oia, O Rosal, A Guarda e mesmo de Tomiño e do Val Miñor, ainda que nesta ocasión, con presenza maioritaria de persoas naturais e veciñas do entrañable concello oiense.

Na exposición atoparemos desde a Banda de Música Unión Musical de Mougás - dirixida daquela, e durante moitos anos - polo mestre Alsirio Fernández. Nesa histórica institución cultural da parroquia de Mougás, formaban parte daquela, o pai - Caietano - e dous irmáns - José e Eleodoro - de Alsirio; ata o Oiense C. F.. Hai tamén una presenza notoria do monumento máis emblemático do concello oiense: O Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oia, que fai cáseque 50 anos atopábase moito millor conservado que hoxendía. Na parte superior do claustro e tamén a carón da sillería do coro, ollamos o párroco D. Claudio Rodal Fandiño.

Nesa atractiva exposición que Isidro Pérez tivo a bén orgaizar para que tódalas persoas que así o desexen poidan disfroita-la, podemos ver unha moidedume de persoas coñecidas. Algunhas xa faleceron, outras ainda están entre nós. En calquer caso, a mostra é tamén como unha homenaxe os que xa non están, ainda que permanecen nas nosas lembranzas, e tamén os que daquela eran xóvenes e hoxendía son venerables avós.

Procesións (da Virxe do Mar, Padroeira de Oia; de San Xulián ou San Xián; de San Cosme e San Damián, Santa Calumbra,...; presididas por cregos que xa non viven e outros, como D. José Luís Portela Trigo, que ainda están en plena actividade pastoral; Primeiras Comuniós, vodas, banquetes nupciais caseiros e tamén en restaurantes como O Muiño, de Camposancos e no Pazo Santa Trega; mozas e mozos de Oia, do Rosal, da Guarda,..., todos eles robustos e fermosos; mozas - como unha irmá de Tito, do Batuque, Carmen a irmá do Sindo, o pandeiro, etc. - con bicicletas; veciños de Mougás, Pedornes, Arrabal, Chavella, Loureza, Mavia, Sanxián,...
Hai tamén fotografías de algún acto municipal que por atoparse o concello de Oia en obras, tivo lugar no Mosteiro de Oia. Presidido polos retratos de Francisco Franco Bahamonde e de José Antonio Primo de Rivera, e polas bandeiras - a nacional de España, a da Falanxe e a carlista - que daquela adoitaban empregarse nos eventos oficiais, ollamos o entón alcalde Miguel Blanco facendo uso da palabra, o secretario municipal e outros persoeiros, entre eles o gobernador civil de Pontevedra.

Hai fotografías de grupos musicais como Os Albariños, de O Rosal; Gabiño (pai) - tocando instrumentos de percusión -, e Jesús "O Cego" co seu acordeón; e tamén Los Bambinos, de A Guarda, con tódolos seus primeiros compoñentes ao completo. Tamén hai unha fotografía na que sai o propio Isidro Pérez - que foi gaiteiro e compoñente do grupo Os Terribles, de Donas - tocando seu acordeón Paolo Soprani.

Por todo iso, e moitos motivos máis que os visitantes poderán comprobar "in situ", a exposición de fotografías de Isidro Pérez González, no Centro Cultural de Oia, constitúe todo un acontecimento. Ademáis, todas aquelas persoas que queiran poden encarregar as copias das fotografías que desexen.

Desde Infogauda felicitamos o pobo de Oia pola súa altísima calidade humana, que para nós é un valor que distingue as entrañables persoas dese concello, e que está patente na dignidade que rezuman as fotografías de Isidro Pérez, e a este profesional da fotografía - hoxendía xa xubilado, pero activo no que respecta a este tipo de iniciativas -, nosa noraboa por achegarnos unha mostra do seu quefacer fotográfico.

Vía > InfoGauda

1 comentarios:

Unknown disse...

Como parte do día do blogue, eleximos oiaceive como unha das nosas cinco eleccións. Divulgade a iniciativa.