A empresa eléctrica acusada pola comunidade de montes de Burgueira da desfeita das pozas en Oia exímese de toda responsabilidade. Un dos seus representantes, Rafael Ruibal, confesa que todas as súas accións estiveron sempre baixo a supervisión da Confederación Hidrográfica e a Consellería de Medio Ambiente. «Nós non abrimos a comporta do encoro, senón que a terra acumulada, procedente dunha plantación de kiwis próxima e dunha canteira abandonada de Marbar, desbordou e saíu sen que ningunha persoa interviñese», explica Rafael Ruibal.
Os administradores de Hidrotide consideran que a raíz do problema ten carácter económico. «Houbo cambios na estrutura da comunidade de montes e a xente nova non está de acordo co prezo acordado anteriormente. Nós estamos dispostos a pagar máis polo terreo que utilizamos, pero queren que abonemos tamén unha parte que non lles corresponde a eles, senón á Confederación Hidrográfica, que son vinte metros a cada lado do río. Por iso non imos pagar», sinalou Rafael Ruibal.
«Tamén critican a limpeza que realizamos no encoro, pero foi supervisada en todo momento por técnicos de Medio Ambiente», explica Rafael.
Desde Hidrotide aseguran que solicitaron permiso á consellería para limpar o lodo do encoro e que foi este departamento o que determinou o como e o cando. «E así foi, seguimos os seus pasos en todo momento», confesa Rafael Ruibal. Segundo el, sempre actuaron baixo o amparo da lei.
Vía > A Voz
0 comentarios:
Postar um comentário