5 de agosto do 2008: o «Pesca 1» rescata a dous pescadores das rocas. Os dous homes pasaron horas nas rocas ata que os recolleu o helicóptero. A auga chegáballes pola cintura e a resaca arrastrou os aparellos cos que pescaban.
Os veciños do barrio das Mariñas, en Oia, non comprenden como se seguen producindo feitos tan lamentables como o do luns pola tarde nas rocas de Cabo Silleiro, cando cinco persoas, dúas delas menores de idade, quedaron atrapadas por mor da subida da marea e a forte ondada. Son varios os casos que recordan con angustia e ademais mencionan o sucedido fai tan só dúas semanas para criticar que a xente non tome conciencia do grave perigo ao que se enfrontan. «é un pecado que haxa persoas que baixen ata esa roca», comenta Marina Lage, propietaria do bar Áncora.
Os veciños coinciden en que a solución sería sinalizar a zona advertindo do perigo para evitar que a xente se achegue, sen polo menos, ser avisada. Ata hai quen cren que a zona debería ser valada; «aínda que sexa unha zona rica en pesca, o primeiro son as vidas humanas», sostén Marina Lage.
O problema non é a xente nativa de Oia senón os que veñen de fóra xa que non coñecen a dificultade de acceso á roca e os problemas que ocasiona a subida da marea nese punto concreto, que deixa sen posibilidade de retorno aos que se atopen alí.
O goberno local exímese de toda responsabilidade e apunta que «é unha vergoña que non se faga nada desde arriba para frear estes accidentes».
«O asunto non é competencia nosa, senón da Consellería de Pesca», comentou onte o alcalde, Alejandro Rodríguez. Coincide cos veciños en que a mellor solución sería pór sinais para alertar do perigo e, así, que cada un puidese decidir libremente se ir ata a roca. «Polo menos así saberían a que se enfrontan», opina o alcalde.
Alejandro Rodríguez está totalmente en contra de prohibir ou pechar o acceso á roca. «A xente teñen dereito a gozar dela se o desexa, arrebatarllo non sería acertado», comenta. Tampouco considera oportuno que a Consellería non tome cartas no asunto porque se pon en xogo a vida das persoas que van ata alí.
Un simple sinal podería erradicar o problema, que xa ocasionou dous mortos fai tres e seis anos. E que podería haberse levado a sete persoas máis no que vai de mes. O asunto é grave e os veciños temen que a situación se repita; non queren ter que lamentarse de novo. Para iso, reclaman solucións antes de que sexa tarde.
Vía > A Voz
0 comentarios:
Postar um comentário