Con todo, Fins Eirexas, secretario de ADEGA, adianta que “probábelmente” organizarán mobilizacións en torno a esa data para meter presión ao Executivo e prolongar o “atraso dun ano que xa levan na tramitación”.
Mediación política na compra de terreos
As plataformas veciñais contrarias ás granxas, artelladas en 'Galiza non se Vende', denuncian que, malia que oficialmente todas as novas piscifactorías sairán a concurso, o certo é que detrás de cada proxecto hai unha empresa en particular. “Oficiosamente todas están dadas”, confirma Eirexas.
Os ecoloxistas argumentan que en varios casos os líderes políticos locais fixeron de intermediarios entre os veciños e as compañías nas negociacións polos terreos. Dende Adega poñen de exemplo ao ex-alcalde de Porto do Son, o socialista Ramón Quintáns, no proxecto de Baroña, xa desbotado pola oposición da Consellaría de Cultura.
Stolt, Pescanova e Isidro de la Cal
Das novas instalacións previstas coñécense tres promotores oficiosamente. Así, é a multinacional de orixe noruegués Stolt Sea Farm quen está detrás da granxa denominada 'Camelle', en Arou, no concello de Camariñas, na Costa da Morte. A firma coruñesa Isidro de la Cal é quen promove a construción na Laxe Brava, ao carón do Parque Natural de Corrubedo. Pescanova, a través da súa filial Insuíña, aposta pola única nova planta na provincia de Pontevedra, en Punta Orelludas, en Oia.
“Amigos do PSOE”
Manolo Santos, da plataforma Salvemos Laxe Brava, acusa á Consellaría de Pesca, promotora do plan, de favorecer os intereses de certos empresarios: “o plan do PP favorecía a Pescanova porque eran amigos seus, o do PSOE favorece a Stolt polo mesmo”, indica o activista.
Xosé Manuel Casais, da plataforma de Quilmas, acusa ao departamento que dirixe Carme Gallego de querer “expropiar tres millóns de metros para darllos a dúas multinacionais”. “Chegaremos até o final”, advirte Casais en referencia ás protestas contra o plan.
Catro peticións desoídas
Tanto Santos como Eirexas denuncia a “falta de diálogo” da Xunta. A Conselleira de Pesca nunca se dignou a falar con nós”, di o activista de Salvemos Laxe Brava. Segundo o secretario de ADEGA, até en catro ocasións solicitaron sen éxito xuntanzas con Carme Gallego.
ADEGA argumenta que o Plano foi deseñado “nas oficinas das empresas do sector, que se repartiron a torta da costa para despois pedirlla ao PP, que lles fixo un plano a medida”. En opinión de Fins Eirexas, a única diferenza do proxecto do PP co Plano reelaborado por Pesca é que “Pescanova non resultará tan beneficiada porque foron túzaros co goberno ao criticar que lles denegaran a planta de Touriñán, en Muxía”.
0 comentarios:
Postar um comentário