A Asociación para a cría de rodaballo (Aroga) recoñece que a aprobación do plan acuícola era a peza imprescindible para terminar un quebracabezas que levaba anos construíndose. A pesar da importancia que lle atribúen, advirten de que é só o marco xurídico que establece o regulamento necesario para comezar as tramitacións.
O portavoz de Aroga, Fernando Otero , comparou o proxecto co de ordenación municipal para explicar que aínda que existan, os trámites para construír un parque son moi longos e poden quedar no camiño se non cumpren a normativa. «O tempo de tramitación é enorme, xa que o proxecto require polo menos un ano e medio de elaboración e necesítase outro ano e medio para a execución das obras», indicou Otero , quen recorda que aínda que se supere a fase da construción, «hai que respectar a normativa ambiental, que é moi estrita».
O sector sinala que a aprobación o pasado xoves do plan acuícola non fixo máis que pór a peza que lles faltaba. «Pero aínda nos queda moito por diante. é só o principio», puntualiza.
As empresas do sector apenas quixeron facer declaracións sobre a aprobación do documento, pero desde Acuinor anunciaron que presentarán unha indemnización polos danos e prexuízos derivados dos efectos que poida ter o plan. O director da compañía, Ramón Álvarez Cascos, acusou ao plan de manter a inseguridade de Acuinor durante 26 meses e de supor «unha postura extremista e inxustificada».
Vía > A Voz
0 comentarios:
Postar um comentário