Finalmente a Xunta non aprobará o Plano Acuícola no Consello deste xoves, último antes das vacacións de Agosto. O Executivo incumpre así o prazo anunciado polo propio presidente Touriño no Parlamento, onde dixo que o polémico documento recibiría o visto e prace definitivo “antes do verán”. A principal causa do atraso é a oposición do BNG a varias das novas granxas e das ampliacións previstas pola Consellaría de Pesca, nas mans dos socialistas; como adiantara hai unha semana ANT Diario. De feito, Pesca presentou unha versión actualizada do Plano este martes na reunión semanal dos secretarios de todas as consellarías, xuntanza na que se deciden os temas que se aprobarán no Consello do xoves. Tensión na reunión de secretarios xerais Nunha longa reunión, o bando do Bloque da Xunta logrou botar para atrás o documento. A súa aprobación fica adiada, segundo fontes da parte nacionalista do Executivo, “até que haxa máis consenso”. O certo é que este novo atraso converte ao Plano Acuícola nun motivo de preocupación para a parte socialista da Xunta. E é que o documento conta cunha forte oposición social, artellada nunha ducia de plataformas veciñais a través de Galiza non se Vende. Aprobalo coa oposición do Bloque a poucos meses das eleccións autonómicas pode restar votos nuns comicios marcados ademais pola crise. Por iso, os colectivos ecoloxistas comezan a albergar a esperanza de que finalmente o Plano non se poña en marcha durante a presente lexislatura. Instalacións rexeitadas polo BNG Segundo explicou a ANT Diario o deputado Bieito Lobeira, os nacionalistas rexeitan a construción de catro novas factorías: 'Laxe Brava' en Corrubedo (Ribeira), 'Xandriña' en Camelle, 'Camelle' en Arou e 'Punta Orelludas' en Oia. O BNG tamén é contrario ás ampliacións da factoría de Mougás (Oia) –ameazada por unha orde de derrubo da propia Xunta– e Merexo (Muxía).
0 comentarios:
Postar um comentário