Bieito Lobeira anunciou hoxe que o BNG levará a cabo contra o Plano Acuícola “accións individualizadas de proxectos para que non cheguen a ser realidade polo agresivos que son para o entorno”.
Lobeira declarou hoxe en rolda de prensa que o bo do Plano Acuícola é que “cada proxecto terá unha tramitación individual onde terán voz e voto departamentos non afíns a outros partidos, como por exemplo a dirección xeral de Patrimonio, a consellaría de Medio Rural, ou Turismo, polo que a batalla non está rematada”. Así dende o BNG din que “aspiran a máis” e queren desmontar parte dos proxectos do plano.
A xuízo do BNG o Plano Acuícola aprobado a semana pasada “é manifestamente mellorábel” e dende a fronte nacionalista queren deixar claro que “o BNG non é o pai da criatura”.
O parlamentario nacionalista manifestou que dende o seu partido queren “evidenciar que hai unha alternativa nacionalista en temas de Pesca e de Acuicultura en Galiza, sempre buscando a xeración de emprego e de riquezas”.
Accións concretas
Dende o grupo parlamentario queren deixar claro cales son as piscifactorías que ven que incumpren as normas ou que son agresivas co entorno. Así Lobeira declarou que queren “frear a piscifactoría de Orelludas (Oia), a de Mougás, a de Laxe Brava (Ribeira), a de Xandriña (que o Plano a sitúa en Camariñas) e a de Cameselle (que o Plano a pon en Narón)”. Ademais engadiu que dende o BNG se pide a “redución da planta de Merexo, en Muxía, e facer retoques noutras”.
Lobeira tamén declarou que o que pide o seu partido é que “se faga un plano con garantías, e que se sitúen as piscifactorías en condicións idóneas e nos lugares máis aptos da costa galega”.
Intereses políticos
Lobeira tamén denunciou que o Plano Acuícola “aposta polos intereses das políticas do Estado español e da Unión Europea, xa que ten como prioridades a piscicultura” e o que se busca é que “Galiza renuncie a ser unha potencia en pesca e iso concrétase cos fondos orzamentarios”.
Así dende o BNG o que piden como prioridade é a defensa do sector de cultivo e extractivo pesqueiro e marisqueiro por toda a riqueza que xera no noso país”, asegurou o parlamentario nacionalista.
Hipocresía do Partido Popular
Bieito Lobeira subliñou que o Partido Popular tivo unha actitude con este plano que se pode definir coma “a antoloxía do disparate” xa que cando eles gobernaban “propoñían piscifactorías de xeito anárquico e moitas delas de forma ilegal, cargándose espazos coma Touriñán ou uns 300.000 metros cadrados de Corrubedo”. Así, continúa Lobeira, cando pasan á oposición seguen a dicir que “queren que se leve a cabo o plano, pero que a dilación na súa aprobación o que fai é que perdamos cartos, mentres que agora andan a dicir, facendo bandeira da súa coherencia, que hai proxectos agresivos”.
Lobeira recalcou na rolda de prensa que o BNG “nunca irá da man do Partido Popular, porque os seus intereses son envelesados e envelenados, e só van da man dos intereses económicos”.
Vía > GZ Nación
0 comentarios:
Postar um comentário