Catro edís cobran soldos mentres só hai dous funcionarios en persoal
En Oia hai máis patróns que mariñeiros, máis concelleiros dispostos a mandar que persoal funcionario para obedecer nas oficinas. Así o puxo de manifesto o portavoz socialista deste municipio, José Antonio Olmedo, que critica que un municipio que só posúe 3.068 habitantes ten catro representantes con dedicacións e só dous funcionarios.
En Oia hai máis patróns que mariñeiros, máis concelleiros dispostos a mandar que persoal funcionario para obedecer nas oficinas. Así o puxo de manifesto o portavoz socialista deste municipio, José Antonio Olmedo, que critica que un municipio que só posúe 3.068 habitantes ten catro representantes con dedicacións e só dous funcionarios.
O alcalde, Alejandro Rodríguez, asumirá tras o pleno de mañá unha dedicación exclusiva pola que percibirá 38.108 euros anuais. Desde o comezo do seu mandato tiña unha dedicación parcial pola que percibía 35.000 euros.
A sesión celebrarase ás oito e media da mañá, o que imposibilitará que moitos veciños poidan asistir, criticou tamén o líder socialista.
O pleno tamén aprobará unha dedicación parcial para a concelleira de Cultura, Facenda e Muller, cunha asistencia mínima de 19 horas semanais e unha retribución de 15.787 euros. A estas novas dedicacións hai que sumar as dúas dedicacións parciais que posúen os concelleiros de Urbanismo e Vías e Obras.
Para o edil socialista, o feito de que catro dos seis membros do goberno perciban un soldo das arcas municipais, sitúa a Oia no «ranking nacional» de dedicacións.
Esta situación contrasta cos dous únicos funcionarios que conforman o persoal municipal. Fai 25 anos eran cinco, pero se xubilaron tres e as prazas non se cubriron.
Críticas
Para este portavoz, o aumento do número de dedicacións «ven a amosarnos a verdadeira imaxe do goberno, mais soldos, mais impostos, carencia de servizos, ausencia de PXOM e unha debeda municipal que non fai mais que aumentar ano a ano».
Como dúas persoas non darían abasto para levar adiante a administración do Concello, o goberno local mantén outras dúas prazas interinas para a asistenta social e a aparelladora, ademais da letrada que leva a cabo as tarefas de secretaría e intervención.
A pesar de todas as dedicacións dos membros do goberno, o Concello de Oia posúe carencias noutros campos. Por exemplo, é o único Concello da zona que carece dun corpo da policía local.
O persoal contratado de obras tampouco é suficiente para atender as necesidades deste municipio que é o máis grande da provincia.
O edil de Vías e Obras, Eugenio Portela, recoñece que en moitas ocasións son os propios representantes políticos quen fan as veces de operarios, ante a falta de suficiente persoal. «Ao final acabamos máis tempo na rúa, a pé de obra, intentando resolver os problemas veciñais que dentro do despacho».
E como exemplo cita as numerosas ocasións nas que o alcalde tivo que porse á fronte das operacións de rescate dos cetáceos que con frecuencia acaban varando nas súas costas e que adoitan desbordar a capacidade dun concello con poucos medios.
Vía > A Voz
0 comentarios:
Postar um comentário