Controlado o incendio de Oia que ameazou dúas casas

. 15 de julho de 2008

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Volve a Oia o temor polo lume. Os veciños da parroquia de Santa María de Oia espertáronse onte con cheiro a queimado, cando na súa memoria aínda perduran os incendios que fai dous anos arrasaron a maior parte da superficie forestal deste municipio e puxeron varias vivendas en perigo.

As chamas localizáronse esta vez cerca do límite co municipio veciño do Rosal e chegaron a poucos metros da estrada da costa en dirección cara á Guarda.

Arderon máis de dez hectáreas de superficie arboredo en leiras particulares e en terreos da comunidade de montes e o máis grave é que unha vivenda estivo a piques de resultar afectada.
A alarma desatouse ás cinco e vinte da mañá. Nese momento o matrimonio atopábase durmindo sen decatarse de nada. Foi a Garda Civil quen os espertou e obrigoulles a desaloxar a casa, situada ao pé da estrada. A parella tivo que evacuar a unha anciá de 92 anos e tamén puxo a salvo animais domésticos e obxectos de valor. As chamas chegaron a alcanzar unha palmeira do xardín e os donos tiveron que empregar mangueiras para evitar que se propagasen.

Cambio do vento

Afortunadamente o vento cambiou de dirección cando o incendio xa se achegou a menos dun metro do muro que separa a casa da zona forestal.

Esta circunstancia facilitou o control da situación. Os afectados estiveron en 1989 a piques de perder a súa casa, cando se viron rodeados polas chamas dun incendio que chegou ata a atravesar a estrada.

A Consellería de Medio Rural informou de que nos labores de extinción do lume de onte participaron tres axentes forestais, sete brigadas, catro motobombas e un helicóptero, cando empezou a abrir o día.

O incendio foi controlado cara ás oito e media da mañá e, pasadas as doce do mediodía, o helicóptero trasladou aos últimos bombeiros que participaban nos labores de extinción. Debido a que o suceso se produciu durante a madrugada, todo apunta a que foi intencionado.

Vía> A Voz