Coa proxección de tres películas vivirase a última fin de semana cultural do ano

. 29 de dezembro de 2007

Dentro da programación de Cinemas Dixitais, na última fin de semana do ano, proxectaranse tres películas en Oia. A primeira, hoxe mesmo en Mougás, ás 20h00, "Secuestrado en Xeorxia".
A programación continuará o vindeiro domingo día 30, coa proxección en Loureza de "Máis ca irmáns" ás 16h00 e "Sara", ás 18h00 en Loureza.
Sinopse
Secuestrados en Xeorxia
Francisco e José Manuel, dous empresarios españois, viaxan a Xeorxia coa intención de comprar unha xoia que en España revenderán a un prezo alto. O intermediario do negocio é Carlos, socio de Francisco en Xeorxía. Mais as cousas non saen como agardaban. A Francisco e a José Manuel secuéstranos un grupo de guerrilleiros que, en realidade, son cómplices de Carlos. El pretende levar unha parte do rescate que pagarán as familias dos secuestrados. Historia baseada en feitos reais
Máis ca irmáns
A historia real dos chamados "irmáns de Cambre", un home e unha muller que formaron parella sen saber que eran irmáns. A súa situación supuxo un dos primeiros precedentes para o recoñecemento legal das parellas de feito, debido á repercusión social e mediática que tivo o caso. Rodado en localizacións de Barcelona e Cambre, Arteixo, a Fraga de Cecebre, entre outras.
Sara
A trama principal do filme transcorre entre unha parella de alto nivel social e económico na que a muller sofre malos tratos psíquicos e físicos. Sara (Laura Conejero) está casada con Daniel (Manuel Barceló) un profesor da Universidade que ao atoparse coa presión de obter a súa Cátedra en estudios medievais comeza a maltratala. Sara pertence a unha clase social acomodada na que ese tipo de circunstancias ocúltanse tralas aparencias, e así ela vive o seu drama en silencio.

A Axencia Audiovisual Galega e a consellaría de Cultura queren, deste xeito, achegar o cine ás vilas que non contan con salas comerciais, promover as producións audiovisuais galegas e contribuír a estabilizar unha programación audiovisual nos concellos do país.

Vía > Inforosal