Pesca elimina duas piscifactorías do Plan Acuícola e reduce o tamaño de catro

. 4 de março de 2008
0 comentarios

A Consellería de Pesca eliminará duas das 26 piscifactorías do polémico Plan Galego de Acuicultura e reducirá as dimensións doutras catro. O anuncio realizouno por sorpresa no Parlamento o director xeral de Acuicultura e Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, en resposta a unha pregunta do BNG. As plantas suprimidas son as de Ardía (O Grove) e Couso-Aguiño (Ribeira). As que reducen o seu tamaño son as de Orelludas (Oia), Mougás (Oia), Seráns (Porto do Son) e Lago (Xove).
As modificacións son consecuencia das máis de 1.040 alegacións presentadas por colectivos veciñais, organizacións ecoloxistas e institucións públicas, despois de que o documento se expuxese ao público o pasado verán. A planta de Couso-Aguiño, de 55.000 metros cadrados, elimínase a petición do Concello de Ribeira. Trátase dunha piscifactoría prevista no contorno do complexo dunar de Corrubedo, que recibira unha gran contestación social. A de Ardía, mentres, era un proxecto de 26.500 metros cadrados nunha zona incluída na Rede Natura.
Na súa intervención diante da comisión parlamentaria de Pesca, o director xeral de Acuicultura cifrou en cinco as plantas eliminadas, ao contabilizar as tres que xa foran clasificadas como non aptas nunha primeira revisión do Goberno bipartito. García Elorriaga referiuse así ás piscifactorías de Punta do Corno (Camariñas), Punta Curvos (Ribeira) e Touriñán (Muxía), todas elas previstas no plan elaborado polo Goberno de Manuel Fraga.
O director xeral tamén incluíu no seu listado catro plantas con recortes xa aprobados, como son as de Cabo Cee (Corcubión), Meirás (Valdoviño), Redola (Xove) e Foxo Longo (Ribadeo). A esas reduccións súmanse agora as seguintes: Orelludas, que pasa de 75.000 a 47.000 metros cadrados, para eliminar a súa afección ao xacemento paleolítico de Fiais; Mougás, a petición do Concello de Oia, onde se acota a ampliación de 88.000 a 57.000 metros por incompatibilidade con outra actividade empresarial xa implantada na zona; Seráns, que se reduce de 115.000 a 24.500 (o 80%), a pedimento da empresa que promove a planta; e Lago, que pasa de 273.000 a 182.500 metros (33%).
"Pesca demostra que foi moi sensible", asegurou o director xeral de Recursos Mariños, quen advertiu de que as granxas mariñas "non se poden parar". García Elorriaga sinalou que, segundo a organización das nacións Unidas para a agricultura e a alimentación (FAO, nas súas siglas en inglés), o 50% do peixe que se consuma en 2025 producirase en piscifactorías. O plan acuícola atópase á espera do informe de sustentabilidade ambiental que está elaborando a Consellería de Medio Ambiente.
O responsable do departamento de Carmen Gallego desvinculou os cambios anunciados das protestas dun "grupo itinerante" de "unhas 30 ou 40 persoas", aos que acusou de intentar paralizar o plan acuícola con "ameazas, insultos, agresións verbais e incluso físicas". "A Administración non pode entrar neste xogo e dialogar nestas condicións", declarou. Por parte ecoloxista, organizacións como Adega ou a plataforma Galiza non véndese consideraron as modificacións unha "tomadura de pelo", en palabras de Adela Figueroa, presidenta de Adega. Ambas organizacións consideraron que os cambios son insuficientes.

Vía > El País

O BNG considera insuficientes os cambios previstos

. 3 de março de 2008
0 comentarios

Bieito Lobeira, portavoz de Pesca do BNG, destacou o papel xogado polos movementos veciñais, ecoloxistas e sociais “e polo propio BNG” nesta revisión anunciada hoxe. “Moitos destes cambios se deben a informes presentados pola consellaría de Cultura referidos á conservación do patrimonio cultural e arqeolóxico”, sinalou.
O deputado nacionalista interveu hoxe na comisión oitava do Parlamento Galego, e pedíu a retirada das piscifactorías de Laxe Brava e Couso-Aguiño en Ribeira, Orelludas en Oia, A Xandriña-Camelle, Arou-Camelle, e Seiruga en Malpica. Así mesmo, pediu o redimensionamento da piscifactoría de Merexo en Camariñas para que non afectase a elementos patrimoniais. Posteriormente, o director xeral de Pesca anunciou a retirada de varias piscifactorías do Plano, entre elas a de Couso-Aguiño, así como a revisión do tamaño da de Orelludas.
Lobeira considera que “é un avance que se tivesen en conta as alegacións a estas plantas, pero pensamos que tamén se deben suprimir as piscifactorías de Laxe Brava, A Xandriña, Arou-Camelle e Seiruga”. Na súa intervención en comisión, o deputado destacou o número de alegacións presentadas a estas plantas. Destacou que “o Plan non está aprobado, hai moitos aloxamentos sometidos ao principio de cautela por motivos patrimoniais”. “O BNG segue defendendo a vía do diálogo”, concluíu.

Vía > A Nosa Terra

Pesca suprimirá cinco piscifactorías dos Plano acuícola e reducirá as dimensións de outras oito

.
0 comentarios

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos anunciou hoxe que suprimirá cinco piscifactorías da trintena que conforman o Plan Acuícola, pendente da súa aprobación polo Consello da Xunta. Así mesmo, reducirá as dimensións de oito plantas.
Así o comunicou hoxe o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, na Comisión do Pesca en resposta a unha pregunta do deputado do BNG Bieito Lobeira, quen admitiu o "agrado" do grupo nacionalista á eliminación destas cinco plantas acuícolas, atendendo ás alegacións presentadas "debido a problemas fundamentalmente medioambientais", segundo revelou o departamento que dirixe Carmen Gallego.
As piscifactorías suprimidas son Punta Corvos, en Ribeira (A Coruña); a coñecida de Pescanova en Touriñán, no municipio coruñés de Muxía; Punto do Corno; Ardía (O Grove); e Couso, en Ribeira.
As plantas acuícolas nas que se reducirá o seu tamaño para que non afecten, principalmente, a xacementos arqueolóxicos son: Orelludas e Mougás no municipio pontevedrés de Oia; Seráns (Porto do Son); Lago e Rogodola (Xove), Cabo Cee (Corcubión); Meirás (Valdoviño); e Foxolongo (Ribadeo).

Vía > GZnacion

Os nenos e nenas da galescola de Oia descubren as maravillas dos eclipses

.
0 comentarios

A madrugada do mércores 20 de febreiro entre as 4:00 e 5:00 horas tivo lugar un eclipse total de Lúa visible en toda Galicia. Os nenos e nenas da Galescola de Oia traballaron o tema dos eclipses con varias actividades, entre elas, a representación dun eclipse luar.
Un eclipse de Lúa ocorre cando a Terra se interpón entre o Sol e o noso satélite natural. Podemos distinguir tres etapas: penumbral, parcial e total. Ao longo das mesmas, a Lúa cambia a súa apariencia e a súa totalidade vólvese avermellada.

Dende a escola de Oia os nenos e nenas traballaron o tema dos eclipses a través dunha serie de actividades como:

  • Realización dunha asemblea na que se falou sobre o Sol e a Lúa, o día e a noite e o eclipse luar.

  • Lectura do conto "Papá, por favor, achégame a Lúa".

  • Representación dun eclipse lunar. Fíxose de noite na aula, saiu a Lúa e volveuse vermella.

  • Busca da noticia no xornal.

  • Pintouse unha Lúa de dobre cara (branca e vermella) con material de refugallo.

+info Galescola de Oia

Vía > InfoRosal

O BNG de Oia edita novo Boletín

. 1 de março de 2008
0 comentarios

O BNG de Oia ven de editar un novo boletín informativo, enfocado nas eleccións xerais, no que se pode ler unha entrevista a cabeza de lista por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, o decálogo do BNG para as eleccións xerais, unha carta do portavoz nacional, Anxo Quintana e na contracapa, un artigo de ámbito local, sobre a Galescola de Oia.

Descarga o Boletín nº 1 do BNG de Oia

Vía > InfoRosal