Pedornes celebra a “II Festa Gastronómica do Caramuxo”

. 1 de agosto de 2008

A Asociación Cultural “San Mamed” e a Asociación de Veciños “A Muruxeira” de Pedornes (Oia) organizan a II Festa Gastronómica do Caramuxo (Mincha ou Bígaro), coa colaboración do Concello de Oia, da Deputación de Pontevedra e dos veciños de Pedornes. Dita festa celebrarase os vindeiros días 2 e 3 de agosto a partir das 12 da mañá no terreiro de Pedornes (praza do Calvario) e pretende dar a coñecer un producto típico da nosa bisbarra e de exquisito paladar, que foi tradicionalmente consumido pola xente das poboacións ribeireñas, alomenos no Concello de Oia. Para elo, realizarase unha exposición das diferentes especies de caramuxos (molusco gasterópodo) presentes nas nosas costas (incluidas nos xeneros: Gibbula, Littorina e Monodonta), con información detallada relacionada coas características morfolóxicas, localización, alimentación ou reproducción, así como as súas cualidades gastronómicas. Incluiranse fotos, receitas de cociña e un acuario con varias especies vivas.

Ademais de ofrecer caramuxos gratuítamente, tódolos asitentes poderán degustar “Pulpo a Feira”, empanadas de caramuxos ou de pulpo, zorza ou chocos a prancha a prezos populares, nas mesas instaladas baixo unha gran carpa, habendo tamén un servizo de cantina que funcionará os dous días.

Ademais, o día 2 ás 12:00 inaugurarase o Centro Cultural de Pedornes, coa asistencia de autoridades e a actuación de varias agrupacións da comarca. A continuación, a festa seguirá animada polo Grupo “Airiños do Tamuxe”.

O día 3 a partir das 13:00 actuará de novo o Grupo “Airiños do Tamuxe”, e ás 19:00 terá lugar a actuación da Murga “Ultreia” de Santiago.