Noventa concellos carecen de banda larga

. 6 de junho de 2008

A deputada do PPdeG Susana López Abella denunciou esta mañá no Parlamento, usando datos da propia Xunta, que noventa municipios do país aínda carecen de acceso á internet de alta velocidade. A directora xeral de Sociedade da Información cifrou nun 85 por cento os galegos que teñen acceso á alta velocidade.

Helena Veiguela, responsábel da política de novas tecnoloxías da Xunta, lembrou que “a Xunta de Galicia non ten competencias en materias de telecomunicacións”, polo que non pode obrigar ás operadoras a prestar máis servizos que os mínimos fixados nas leis estatais.

Así, lembrou que os sucesivos gobernos de Madrid evitaron concretar a velocidade mínima de acceso internet, polo que hoxe é na práctica de 56 kb. por segundo, insuficiente para facer uso efectivo das capacidades multimedia da rede.

O mellor dos escenarios previstos

López Abella denunciou que o Galimap, sistema de información xeográfica da Xunta, recolle que noventa municipios –a maioría no interior de Lugo e Ourense– aínda non teñen acceso á rede de alta velocidade. De seguido, lembrou que o Estado prometeu que o cen por cento da poboación tería acceso á alta velocidade en 2008. Veiguela replicoulle que a extensión actual da banda larga en Galiza –85% da poboación segundo a Consellería de Industria– cumpre o escenario máis optimista fixado no PEGSI, o Plan de novas tecnoloxías do Executivo.

Chantada

A deputada conservadora reclamou información sobre a extensión de Redes WIMAX na comarca de Chantada, ao que a directora xeral respondeu que non había ningunha iniciativa específica.

Veiguela usou datos da iniciativa estatal PEBA –que en Galiza subvenciona a Internet Rural de Telefónica– para indicar que nesta comarca hai 1.300 cidadáns –sobre un total de 10.000– que non poden acceder a rede. Con todo, explicou que a terceira fase do Plan PEBA fará chegar o ADSL a 40 novos núcleos a 700 persoas este ano.

Vía > A Nosa Terra