Irregularidades no Plan Acuícola

. 4 de outubro de 2008

Os veciños de Quilmas, en Carnota, levan tempo vendo como a piscifactoría de Stolt Sexa Farm verte augas residuais desde a planta á praia. En marzo do ano pasado decidiron denuncialo ao Seprona. O corpo da Garda Civil investigou o sucedido e realizou un informe que chegou a mans da Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas.

"O Seprona dá conta de que a empresa carece de permiso de verteduras á praia", sinalou onte Xosé Manuel Casais. A investigación conclúe tamén que entre a documentación que lle achega Stolt, "a licenza municipal para o exercicio da súa actividade industrial non figura ao seu nome". Segundo explicou onte Martiño Fiz, coordinador organizativo de Adega, 26 piscifactorías das que xa están funcionando na costa galega carecen dos permisos para realizar verteduras á costa. Os ecoloxistas sospeitan que outras moitas poden exercer a súa actividade a pesar de non ter a licenza de actividade. Aseguran, ademais, que no caso de Mougás, en Oia, existe unha sentenza xudicial que obriga á súa derriba. "O Plan Acuícola é un premio aos empresarios chafalleiros", manifestou o secretario executivo Fins Eirexas, quen quixo deixar claro que Adega "non se opón á acuicultura industrial sempre que cumpra a lei".

Os ecoloxistas denunciarán a ausencia de permisos de verteduras e a afección á Rede Natura ante o Parlamento Europeo. Será o grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, no que se atopa o BNG a pesar de non contar con representación parlamentaria, o que realice catro preguntas sobre o Plan Acuícola. " Teñen que saber cal é o uso que se vai a dar aos fondos europeos de Pesca", subliñou Eirexas.

O exemplo de Vigo

Adega pretende "asfixiar o Plan Acuícola desde Europa". Os seus responsables recordaron onte o caso da denuncia por contaminación na ría de Vigo. Europa ameazou a Galicia cunha multa de 90 millóns de euros se non corrixía a contaminación por coliformes fecais. A ría carecía dun sistema efectivo de depuración, que agora si se está construíndo.

Vía > O Correo Galego