O carril bici entre Baiona e A Guarda custará 11,7 millóns

. 26 de setembro de 2008

O Consello da Xunta autorizou onte á Consellería de Política Territorial o gasto de 9,3 millóns de euros na obra de mellora da seguridade viaria da estrada entre Baiona e A Guarda (PO-552).

O goberno galego aprobou igualmente a declaración de utilidade pública do proxecto e dispuxo a ocupación dos terreos necesarios para acometer a obra, o que permite iniciar as expropiacións de 433 leiras nos concellos de Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Entre a obra, o custo das expropiacións (dous millóns de euros) e a reposición dos servizos afectados, Política Territorial investirá un total de 11,7 millóns de euros neste proxecto.

A reforma da estrada Vigo A Guarda Tui, no seu treito entre Baiona e A Guarda, acometerase ao longo de 27,6 quilómetros entre ambas as vilas e inclúe a realización de 11 cambios de sentido, zonas de descanso en nove deles, unha glorieta na Guarda e unha modificación do trazado da estrada para mellorar unha curva.

A obra inclúe a realización dun paseo litoral para os distintos usuarios, cuxa configuración se divide en dous treitos, en función das características do terreo.

No primeiro treito, ao longo de 2,6 quilómetros desde a saída de Baiona, a configuración da estrada entre o mar e os cantiis condiciona a actuación a unha ampliación das cunetas existentes na realización de gabias hormigonadas de seguridade.

Camiños

Desde este punto, no quilómetro 20, ata A Guarda, construirase un paseo que discorrerá paralelo á estrada polo lado do mar, aproveitando algúns treitos o trazado de camiños existentes.

A obra entre Baiona e A Guarda engádese ao proxecto xa en marcha de integración paisaxística e mellora da seguridade viaria entre Vigo e A Ramallosa (PO-325), que supón un investimento duns 30 millóns de euros en preto de 16 quilómetros de percorrido.

Ambas as actuacións serán complementadas por unha terceira, entre A Ramallosa e Gondomar (PO-340), de 5,7 quilómetros, para o que xa se está redactando o proxecto.
Todas estas actuacións de mellora de seguridade viaria e integración paisaxística impulsadas pola Consellería de Política Territorial e recollidas no Plan Vigo Íntegra suman 52 quilómetros de lonxitude.

Con estas actuacións, ademais de mellorar a seguridade viaria de todos os usuarios das vías, a Consellería ten como obxectivo incorporar espazos para uso público de todos os cidadáns.

O proxecto ten o obxectivo de humanizar o tramo da costa e non só mellorar a calidade de vida dos veciños da zona, senón tamén converter este lugar nun atractivo turístico en si mesmo.

Vía > A Voz