Expertos internacionais reúnense en Oia para pór ao día os seus coñecementos sobre caracois mariños

. 3 de setembro de 2008

Comunmente chamadas minchas ou caramuxos, as littorinas ou caracois mariños habitan o litoral galego e convérteno nun lugar ideal para estudar a evolución nestas especies. A costa entre Baiona e A Garda é unha das zonas de estudo máis interesantes, e será precisamente alí onde a vindeira semana 45 científicos de todo o mundo se den cita para por en común os estudos evolutivos levados a cabo neste particular grupo de gasterópodos.

Baixo a dirección de Emilio Rolán, profesor da área de Xenética da Universidade, os expertos reuniranse nun congreso internacional no que, do 3 ao 7 de setembro, tratarán en profundidade as investigacións sobre un organismo considerado especialmente interesante para estudar o proceso evolutivo nas especies.

Un encontro internacional con invitados de excepción

No encontro haberá representación de todos os grupos de investigación que a nivel mundial están traballando con littorinas. Estados Unidos, Reino Unido, Suecia, Rusia, Portugal, Canadá, Tanzania e Singapur completan a lista de países dos que proveñen os expertos que participarán no encontro. Ademais, contarase con dous investigadores invitados, que “a día de hoxe son a elite neste tipo de estudos: Brian Silliman e Jerry Coyne” aclara Rolán.

Brian Silliman é un investigador moi xove que ven da Universidade de Florida e un dos poucos que traballando con littorinas conseguiu publicar nas dúas revistas máis importantes do mundo: Nature e Science. “Era obrigado traer a persoa que tivo máis éxitos nestes organismos desde un punto de vista científico”, subliña o profesor vigués. “Ademais, Jerry Coyne da Universidade de Chicago, é unha eminencia, un científico de enorme prestixio internacional, experto en temas de especiación”.

Un organismo cun dobre interese
O interese que teñen as littorinas é de dous tipos. Dunha banda, son organismos moi interesantes para ver como se produce a evolución das especies, xa que habitan nunha zona tan interesante como é o intermareal, unha rexión na que se producen cambios de temperatura constantes, salinidade, etc desde a parte baixa ata a parte alta. “Isto é unha forza evolutiva moi grande que xera que as poboacións de minchas que viven nese hábitat tendan a diversificarse e a producir subpoboacións adaptadas aos dous extremos, unha habituada a vivir na parte alta do intermareal e outra na parte baixa”. Doutra banda, fainas especialmente interesante o feito de que acceder a este hábitat é relativamente doado, o que facilita o seu estudo.

Unha regra básica da organización dos seres vivos é que se organizan en comunidades que teñen certas características en común entre elas. Un aspecto clave é que teñen a capacidade de aparearse e producir descendentes fértiles. Algunha destas especies son doadas de entender a calquera profano na materia, “por exemplo un rinoceronte e unha formiga está claro que son especies diferentes porque non teñen a capacidade de aparearse”, explica Rolán, pero o concepto pode ser máis sutil na medida en que hai certas especies que son capaces de producir certo grado de hibridación.

“É interesante saber como a partir dun conxunto de exemplares da mesma especie, mediante evolución natural é posible chegar a dous subconxuntos distintos que non intercambian xenes”, engade o profesor. Isto é clave dende o momento no que as especies que estan reprodutivamente ailladas representan verdadeiras unidades biolóxicas capaces de evolucionar de forma independente.

Catro días de intensa actividade

O primeiro día do congreso, que se celebrará no Hotel Talaso Atlántico de Baiona, estará centrado en aspectos ecolóxicos; o segundo estará máis dedicado a facer estudos taxonómicos e filoxenéticos; o terceiro centrarase na especiación e o ultimo está reservado para a presentación de traballos multidisciplinares que non necesariamente teñen que estar centrados nas littorinas pero que si empregan técnicas que poden resultar moi útiles na investigación destes organismos.


Vía > Duvi