A Xunta aproba o Plan Acuícola que prevé 13 novas piscifactorías

. 29 de agosto de 2008

Tras algo máis de dous anos de tramitación e en tre protestas de ecoloxistas, defensores do litoral e veciños de localidades afectadas, o Consello da Xunta aprobou onte o novo Plan Acuícola, que prevé 13 novas instalacións (1 en Pontevedra, 6 na Coruña e outras 6 en Lugo), que ocuparán 1.787.500 metros cadrados e súmanse a 11 xa existentes, o que se traduce nunha extensión total de 2.854.150 metros.

A aprobación do Plan tampouco estivo onte exenta de polémica xa que, segundo puido saber este diario en fontes do Goberno autonómico, o BNG mostrou no Consello a súa desconformidade coa aprobación do Plan co argumento de que non é o momento adecuado para sacalo adiante pola contestación social que provoca, á vez que recordaron un informe da Dirección Xeral de Urbanismo, da Consellería de Política Territorial, que desaconsella a instalación de piscifactorías en espazos da Rede Natura. Segundo as mesmas fontes, as críticas foron resoltas polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao sinalar que o Plan aprobábase "porque é bo para Galicia". 

Así mesmo, fontes do Executivo sosteñen que o documento non pasou pola comisión de secretarios, previo ao Consello e onde se votan os asuntos que levan a aprobación na reunión do Goberno, agás que o presidente utilice a súa prerrogativa de incluír algún asunto, como neste caso, para evitar tal trámite. Desde a Consellería de Pesca insistíase onte, con todo, en que o Plan pasou pola mencionada comisión o pasado martes e conta con todos os informes preceptivos, en coincidencia co expresado por Touriño ao termo do Consello, que tambien sinalou que o documento afecta só ao 1,8% da Rede Natura, fronte ao 28% de afección que prevía o plan aprobado polo goberno do PP.

Touriño estimou que o Plan suporá investimentos por 353 millóns de euros e a creación de máis de 1.900 empregos, o que en 15 anos permitiría unha produción anual de 21.600 toneladas de peixes planos cunha facturación superior a 180 millóns. 
Tamén destacou o presidente da Xunta que os terreos onde se situarán as plantas serán "sempre de titularidade pública" e que non se entrega nin un metro cadrado do bordo litoral á privatización" xa que os terreos entregaranse en concesión.

Tras dous meses de exposición pública, o Plan recibiu 1.001 alegacións -todas contestadas, segundo Pesca- e foi sometido a consultas e informes, tras o que se introduciron cambios que introduciron, en oito plantas, referencias a elementos arqueolóxicos ou patrimoniais e cautelas para a súa protección. Así mesmo, reduciuse a extensión de catro parques (Orelludas e Mougás, en Oia; Seráns, en Porto do Son; e Lago, en Xove)). Así mesmo, especificouse a altura máxima nunha das novas instalacións e corrixiuse a superficie máxima de ocupación doutro parque. Ademais, suprimiuse a ampliación en dúas instalacións (Ardía, no Grove; e Couso, en Aguiño-Ribeira).

Vía > Faro de Vigo