A presión do BNG atrasa o Plano Acuícola

. 24 de julho de 2008

O presidente da Xunta dixo en maio no Parlamento que o Plano Acuícola sería ratificado “antes do verán”. Con todo, o polémico documento non será aprobado no Consello da Xunta deste xoves e existen poucas posibilidades que reciba luz verde a próxima semana, ultima antes de que o Executivo marche de vacacións.

Touriño anunciou o prazo do verán en quente, no fragor dun debate con Núñez Feixóo na Cámara sobre a crise da pesca. Mais é evidente que o Plano acumula meses de atraso, pois o Executivo dixera inicialmente que estaría listo en xaneiro. Agora, a poucos meses das autonómicas pode converterse nun motivo de fricción no bipartito.

Lobeira explica que granxas o Bloque non acepta

De feito, fontes do sector explican que unha das causas do atraso é que o BNG non está disposto a apoiar un plano que autorice varias das novas granxas previstas. Consultado por ANT Diario, o deputado Bieito Lobeira confirma a oposición do BNG á construción de catro novas factorías: 'Laxe Brava' en Corrubedo (Ribeira), 'Xandriña' en Camelle 'Camelle' en Arou e 'Punta Orelludas' en Oia. Dúas delas afectan a Rede Natura, segundo a Memoria Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais, o Bloque é contrario ás ampliacións da factoría en Mougás (Oia) –ameazada por unha orde de derrubo da propia Xunta– e Merexo (Muxía). Neste último caso os nacionalistas cualifican a ampliación de “excesiva” malia que estarían dispostos a aceptar unha menor que incluíse as instalacións para as crías. O que non confirma Lobeira é se o BNG está disposto a levar a súa oposición até o punto de negar o seu respaldo no Consello da Xunta.

Oposición social

“Sabemos que o BNG está en contra da granxa de Corrubedo e doutras, o que non sabemos se están tan en contra como para bloquealo”, explica Manolo Santos, da plataforma Salvemos Laxe Brava. Para Santos, a causa do parón non é tanto a presión política dos nacionalistas como a “oposición social” das numerosas plataforma coordinadas no colectivo Galiza non se Vende.

En todo caso, Lobeira insiste en que foi a presión do Bloque o que levou á Xunta á eliminación de varios proxectos de novas plantas –caso da granxa ao carón do Castro de Baroña, que tivo un informe negativo da Consellería de Cultura– e varias ampliacións –como Punta Couso– da proposta inicial.

Os colectivos veciñais opostos ás granxas indican que o Plano está en 'stand by'. Incluso teñen a esperanza de que, de no aprobarse nos vindeiros meses, non saia adiante nesta lexislatura. “Tan cerquiña das eleccións dubido moito que se atrevan a aprobalo”, explica Luís Suárez, da asociación A Pergoliña de Camelle. Unha esperanza compartida por Xosé Manuel Casais, da plataforma de Quilmas, quen indica que “non creo que sexan tan kamikazes para aprobar antes das eleccións”.

Agricultura ecolóxica como alternativa

Casais é un dos promotores da Raíña Lupa, unha cooperativa de agricultura ecolóxica que montaron nos terreos en risco de expropiación. Segundo Casais a cooperativa conta co apoio da Consellería de Medio Rural, nas mans dos nacionalistas, e do Sindicato Labrego Galego, tamén próximo ao B NG. “Quen se vai a atrever a expropiar a unha cooperativa de 15 socios para cederlles os terreos a unha multinacional?” preguntase este activista.

Vía > A Nosa Terra