A Consellaría de Cultura afronta a recuperación das vellas pontes de Galiza

. 7 de julho de 2008

Este plan permitiu xa a recuperación de pontes de época medieval en Mondariz, Ponteareas, Gutiriz, Tui e Palas de Rei.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, expuxo as características do Plan de Recuperación de Pontes Históricas, posto en marcha no segundo semestre de 2005. Desde entón a consellaría investiu 1.378.000 euros en reparar e consolidar oito pontes datadas entre os séculos XIV e XVII, entre as que están as tres actuacións que se executarán este ano en Noia, Becerreá e Teo. A estas hai que sumar as intervencións en seis pontes máis que está previsto realizar entre 2008 e 2009.

Ánxela Bugallo anunciou que se están facendo estudos previos e proxectos de execución para afrontar diversas actuacións entre este ano e o vindeiro en seis pontes históricas. Entre elas figuran varias construcións que sufriron nos últimos anos problemas debidos ás crecidas dos ríos. Unha delas é a Ponte Marzá, unha pontella tradicional sobre o río Mandeo, no concello de Curtis. Para esta construción está prevista unha actuación de reparación e de consolidación.

Ademais, está previsto intervir na Ponte Nafonso, ponte medieval que une Noia e Outes, para a que se están estudando as súas necesidades construtivas e de acondicionamento. Para a Ponte Cruzul (Becerrreá), do século XVIII, están previstos traballos de limpeza e consolidación. Na Ponte Vella de Monforte de Lemos (medieval) farase unha actuación de consolidación. E na antiga Ponte do Pozo Negro en Pontesampaio (Pontevedra), desaparecida polas riadas de 2006, estase realizando un proxecto para consolidar os restos que se conservan e facer un paso de nova construción. Tamén foi derrubada pola crecida do río a Ponte de Broi en Oia, unha construción de principios do XIX que Patrimonio estuda agora a posibilidade de reconstruír.

Na súa intervención, Ánxela Bugallo destacou a importancia de conservar e poñer en valor as pontes relacionadas cos camiños históricos, como calzadas romanas, vías de peregrinación e os chamados camiños reais. A conselleira sinalou que a súa importancia motivou a activación dun Plan de Recuperación de Pontes Históricas co que se está actuando en construcións deste tipo, principalmente de época medieval e moderna, e que en moitos casos teñen orixe galaico-romana.

Para Bugallo “este Plan de Recuperación supón un avanzo importantísimo na súa posta en valor das pontes e camiños históricos e vén demostrar que a nosa acción política ten por obxecto o desenvolvemento de programas integrais que permitan cambios cualitativos na consideración social da cultura e do patrimonio e a súa relación intensa e proveitosa coas dinámicas favorecedoras do desenvolvemento social e económico do noso país”.

O Plan de Recuperación de Pontes Históricas contou ata o de agora cun investimento de 1.378.480 euros. Deles, 739.062 investíronse entre o segundo trimestre de 2005 e o ano 2007 na recuperación de cinco pontes. Na da Cernadela (Mondariz) e a Ponte das Partidas (Ponteareas), do século XIV a primeira e XIV ou XV a segunda, realizáronse actuacións de limpeza e adecuación. Nas pontes medievais de San Alberte (Guitiriz) e do Louro (Tui) fixéronse reparacións estruturais nas que se afianzou a estabilidade das pontes. E no caso de Ponte Ferreira (Palas de Rei), tamén medieval, realizouse o proxecto de intervención e a reparación en colaboración co Xacobeo.

En 2008 repararanse tres novas pontes construídas entre os séculos XIV e XVII. Trátase da Ponte Gatín, en Becerreá, a Ponte de Traba en Noia e a ponte de Pontevea, no Concello de Teo. A Consellaría investirá 639.745 euros nos traballos de reparación e consolidación destas tres construcións.

Vía > Xornal