Un coche esnáfrase contra nun restaurante de Oia

. 31 de julho de 2008
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

V Degustación de Carne de Potro da Serra da Grova en Torroña

. 29 de julho de 2008
0 comentarios

O domingo, 3 de agosto, organizada pola Asociación de Veciños de Torroña, coa colaboración do concello e da Deputación Provincial, vaise celebrar nesta parroquia a V Degustación de Carne de Potro da Serra da Grova. Comezará ás 11.00 da mañá cun prezo de 12 euros a ración na que se inclúe ademais da carne, pan e bebida. As reservas faranse chamando aos teléfonos 986 36 20 27 ou 986 61 15 34.

Haberá sorteos de agasallos entre os asistentes que poderán degustar este prato nun recento cuberto, animando a velada os grupos de gaitas.

A Fundación Comarcal O Baixo Miño presenta o libro “Orgulho galego na diáspora”, en Oia, o martes 29 de xullo

.
0 comentarios

A Fundación Comarcal O Baixo Miño presentará hoxe, ás 19 horas, na Casa do Concello de Oia, o libro “Orgulho Galego na Diáspora” – Conversa com Higino Martins Estêvez-.

Higino Martins, nado e residente en Bos Aires, mais galego de corazón e vocación, fillo de emigrantes procedentes das parroquias de Santa María de Oia e de Viladesuso, no concello de Oia, é un prestixioso intelectual, coñecido e recoñecido no plano internacional polos seus estudos lingüísticos, cos que ten defendido, con admirábel constancia e independencia, a lingua galega.

Con esta publicación preténdese dar a coñecer a súa figura, xa que a pesar de realizar unha importante actividade de divulgación do galego no exterior é un descoñecido, para o público en xeral, na nosa terra.

O devandito libro do que son autores Ângelo Gonçalves Vicente e Bernardo Penabade Rei, foi editado pola Fundación Comarcal O Baixo Miño co financiamento da Consellería do Medio Rural, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, e a colaboración do Concello de Oia e a Asociaçom Galega da Língua (AGAL).

No acto de presentación intervirán os autores, Ângelo Gonçalves Vicente, nado e veciño de Oia, analista político, investigador, e Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración, na Universidade de Santiago de Compostela; e Bernardo Penabade Rei, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, escritor, lingüísta e profesor no IES Perdouro de Burela.

Asemade contará coa presenza da Vicepresidenta da Fundación Comarcal do Baixo Miño e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e representado ao Concello de Oia estará a súa concelleira de Cultura, Sandra Calvo Rodríguez.

Con este acto a Fundación Comarcal quere achegar a figura de Higino Martins aos veciños e veciñas do Baixo Miño.

A presión do BNG atrasa o Plano Acuícola

. 24 de julho de 2008
0 comentarios

O presidente da Xunta dixo en maio no Parlamento que o Plano Acuícola sería ratificado “antes do verán”. Con todo, o polémico documento non será aprobado no Consello da Xunta deste xoves e existen poucas posibilidades que reciba luz verde a próxima semana, ultima antes de que o Executivo marche de vacacións.

Touriño anunciou o prazo do verán en quente, no fragor dun debate con Núñez Feixóo na Cámara sobre a crise da pesca. Mais é evidente que o Plano acumula meses de atraso, pois o Executivo dixera inicialmente que estaría listo en xaneiro. Agora, a poucos meses das autonómicas pode converterse nun motivo de fricción no bipartito.

Lobeira explica que granxas o Bloque non acepta

De feito, fontes do sector explican que unha das causas do atraso é que o BNG non está disposto a apoiar un plano que autorice varias das novas granxas previstas. Consultado por ANT Diario, o deputado Bieito Lobeira confirma a oposición do BNG á construción de catro novas factorías: 'Laxe Brava' en Corrubedo (Ribeira), 'Xandriña' en Camelle 'Camelle' en Arou e 'Punta Orelludas' en Oia. Dúas delas afectan a Rede Natura, segundo a Memoria Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais, o Bloque é contrario ás ampliacións da factoría en Mougás (Oia) –ameazada por unha orde de derrubo da propia Xunta– e Merexo (Muxía). Neste último caso os nacionalistas cualifican a ampliación de “excesiva” malia que estarían dispostos a aceptar unha menor que incluíse as instalacións para as crías. O que non confirma Lobeira é se o BNG está disposto a levar a súa oposición até o punto de negar o seu respaldo no Consello da Xunta.

Oposición social

“Sabemos que o BNG está en contra da granxa de Corrubedo e doutras, o que non sabemos se están tan en contra como para bloquealo”, explica Manolo Santos, da plataforma Salvemos Laxe Brava. Para Santos, a causa do parón non é tanto a presión política dos nacionalistas como a “oposición social” das numerosas plataforma coordinadas no colectivo Galiza non se Vende.

En todo caso, Lobeira insiste en que foi a presión do Bloque o que levou á Xunta á eliminación de varios proxectos de novas plantas –caso da granxa ao carón do Castro de Baroña, que tivo un informe negativo da Consellería de Cultura– e varias ampliacións –como Punta Couso– da proposta inicial.

Os colectivos veciñais opostos ás granxas indican que o Plano está en 'stand by'. Incluso teñen a esperanza de que, de no aprobarse nos vindeiros meses, non saia adiante nesta lexislatura. “Tan cerquiña das eleccións dubido moito que se atrevan a aprobalo”, explica Luís Suárez, da asociación A Pergoliña de Camelle. Unha esperanza compartida por Xosé Manuel Casais, da plataforma de Quilmas, quen indica que “non creo que sexan tan kamikazes para aprobar antes das eleccións”.

Agricultura ecolóxica como alternativa

Casais é un dos promotores da Raíña Lupa, unha cooperativa de agricultura ecolóxica que montaron nos terreos en risco de expropiación. Segundo Casais a cooperativa conta co apoio da Consellería de Medio Rural, nas mans dos nacionalistas, e do Sindicato Labrego Galego, tamén próximo ao B NG. “Quen se vai a atrever a expropiar a unha cooperativa de 15 socios para cederlles os terreos a unha multinacional?” preguntase este activista.

Vía > A Nosa Terra

A Xunta inicia a restauración do campanario do mosteiro de Oia para frear a súa deterioración

. 16 de julho de 2008
0 comentarios

O campanario da igrexa do mosteiro de Oia recuperará en pouco tempo todo o seu esplendor. A Consellería de Cultura iniciou xa as obras de rehabilitación da maxestuosa torre que é todo un símbolo do municipio.

As obras contan cun orzamento de 137.500 euros e un prazo de execución de dous meses. Este elemento arquitectónico ofrece estes días unha estampa inusual ao estar cuberta por todo o andamiaxe desde o que traballarán os expertos en restauración. Os operarios de Dicsa continuaban onte colocando todos os soportes, como paso previo á execución do proxecto.

A obra responde a unha sentida necesidade do Concello por frear a progresiva deterioración ao que está sometido esta parte do conxunto declarado Ben de Interese Cultural.

A erosión e o paso dos temporais fixo moito dano á torre, que sufriu varios desprendementos e que actualmente presentaba varias gretas que facían perigar a súa estrutura. Así o alertou en numerosas ocasións o párroco da localidade, Avelino Vaqueiro.

Estrutura ladeada

É motivo de preocupación en Oia o feito de que o campanario se atope lixeiramente ladeado. Esta obra era unha actuación urxente para evitar males maiores nun inmoble que xa sufriu varios derrubes na zona da sancristía e da antiga residencia dos monxes brancos. O último contratempo tivo lugar o pasado inverno, cando veu abaixo parte do tellado, o que obrigou á empresa Vasco Galego a acometer unhas obras de restauración.

A reforma do campanario complementa outra obra da consellería de Cultura realizada no templo durante os últimos meses. A pasada primavera finalizaron os traballos de restauración do retablo maior, que estivo a cargo da empresa Acanto. A limpeza e desinfección desta obra artística permite agora apreciar a beleza do conxunto en toda a súa magnitude.

Pero o que os veciños e amantes do patrimonio esperan é a rehabilitación completa do mosteiro. A empresa Vasco Galega segue xestionando todos os permisos, unha tarefa difícil e máis lenta do que podía parecer nun principio. O proxecto inclúe a creación dun área residencial na contorna especializada na atención xeriátrica.

Tamén a contorna do mosteiro de Oia estase beneficiando doutras administracións públicas. A Deputación de Pontevedra mantén avanzadas as obras de acondicionamento da baixada ao embarcadoiro, no barrio mariñeiro do Arrabal. O investimento neste caso alcanza os 300.000 euros e contempla unha nova pavimentación e a instalación de beirarrúas para mellorar a seguridade viaria na zona.

Vía > A Voz

Controlado o incendio de Oia que ameazou dúas casas

. 15 de julho de 2008
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Volve a Oia o temor polo lume. Os veciños da parroquia de Santa María de Oia espertáronse onte con cheiro a queimado, cando na súa memoria aínda perduran os incendios que fai dous anos arrasaron a maior parte da superficie forestal deste municipio e puxeron varias vivendas en perigo.

As chamas localizáronse esta vez cerca do límite co municipio veciño do Rosal e chegaron a poucos metros da estrada da costa en dirección cara á Guarda.

Arderon máis de dez hectáreas de superficie arboredo en leiras particulares e en terreos da comunidade de montes e o máis grave é que unha vivenda estivo a piques de resultar afectada.
A alarma desatouse ás cinco e vinte da mañá. Nese momento o matrimonio atopábase durmindo sen decatarse de nada. Foi a Garda Civil quen os espertou e obrigoulles a desaloxar a casa, situada ao pé da estrada. A parella tivo que evacuar a unha anciá de 92 anos e tamén puxo a salvo animais domésticos e obxectos de valor. As chamas chegaron a alcanzar unha palmeira do xardín e os donos tiveron que empregar mangueiras para evitar que se propagasen.

Cambio do vento

Afortunadamente o vento cambiou de dirección cando o incendio xa se achegou a menos dun metro do muro que separa a casa da zona forestal.

Esta circunstancia facilitou o control da situación. Os afectados estiveron en 1989 a piques de perder a súa casa, cando se viron rodeados polas chamas dun incendio que chegou ata a atravesar a estrada.

A Consellería de Medio Rural informou de que nos labores de extinción do lume de onte participaron tres axentes forestais, sete brigadas, catro motobombas e un helicóptero, cando empezou a abrir o día.

O incendio foi controlado cara ás oito e media da mañá e, pasadas as doce do mediodía, o helicóptero trasladou aos últimos bombeiros que participaban nos labores de extinción. Debido a que o suceso se produciu durante a madrugada, todo apunta a que foi intencionado.

Vía> A Voz

Un incendio en Santa María de Oia mantivo en alerta os servizos de urxencia durante varias horas

.
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

A xuíz de Tui envía a prisión ao acusado de agredir sexualmente a súa muller en Oia

. 8 de julho de 2008
0 comentarios

O home acusado de violar á súa muller en Oia, J.J.P.R., de 37 anos de idade, que foi detido pola Garda Civil o pasado venres na estación de autobuses de Vigo, ingresou onte en prisión por orde da xuíz do Xulgado de Instrución Número 1 de Tui quen lle imputa os cargos de agresión sexual e lesións. O avogado defensor anunciou que se presentará recurso contra o auto xudicial. O detido, natural de Baiona, prestou declaración no xulgado durante unha hora, do mesmo xeito que a súa muller e suposta vítima, de 44 anos. Os dous foron interrogados sobre os feitos ocorridos na noite do pasado xoves.
Ambos teñen a súa residencia habitual en Madrid e estaban vivindo desde fai semanas na residencia duns familiares do home, situada na parroquia de Pedornes, do municipio de Oia. Sobre as 22.00 horas do xoves a parella chegou á vivenda e unha vez nela, segundo explicaron fontes próximas á investigación, orixinouse unha discusión, cuxos motivos descoñécense, pero que, ao parecer, levou ao detido a coller un coitelo co que supostamente ameazou a un sobriño. Este, ante o suceso, optou por botar ao home da vivenda e procedeu a advertir á Garda Civil do que acababa de acontecer.

Unha vez fóra da vivenda, J.J.P.R. levou á súa parella ata un escampado situado nun monte próximo á casa. Segundo as mesmas fontes, foi nese lugar onde ao parecer agrediuna sexualmente e causoulle lesións. No mesmo momento en que se producían os feitos, chegaron ata eles os axentes que acudiran á chamada de auxilio do sobriño supostamente ameazado. O presunto agresor, ao decatarse da presenza dos gardas civís, deuse á fuga. De inmediato os axentes puxeron en marcha un dispositivo para tratar de localizalo, mentres se trasladaba á vítima ao Hospital Xeral de Vigo, onde se lle apreciaron varios hematomas, recibindo o alta pouco tempo despois.
O dispositivo policial deu os seus froitos ás 13.00 horas do pasado venres. Foi determinante no seu desenvolvemento unha chamada telefónica que advertiu da presenza do home que se buscaba na estación de autobuses de Vigo, o que probablemente evitou que culminase unha fuga á que se puxo fin logo de quince horas.

Vía > Faro de Vigo

Reportaxe Subida a Oia de "Galicia Ras"

.
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

O acusado de violar a súa muller en Oia, detenido na estación de buses de Vigo

. 7 de julho de 2008
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Unha chamada telefónica clave para evitar unha probable fuxida. Axentes da Garda Civil lograron deter onte ao mediodía na estación de autobuses de Vigo a un home natural de Baiona de 37 anos de idade quince horas despois de que presuntamente violase á súa muller, de 44, nun monte de Oia tras ameazar cun coitelo a un sobriño. Unha chamada advertiu ás forzas de seguridade da presenza de J.J.P.R. na estación viguesa, onde os investigadores sospeitan que acudiu coa intención de escaparse.

Os feitos que levaron ao arresto deste home por parte da Benemérita ocorreron o pasado xoves pola noite. O detido e a súa compañeira sentimental teñen a súa residencia habitual en Madrid, pero desde facía varias semanas estaban vivindo en casa duns familiares en Pedornes, unha parroquia de Oia. Precisamente, ao redor das 22 horas, a parella chegou a esta vivenda.

Unha vez na casa, segundo informaron fontes próximas á investigación, orixinouse unha discusión cuxos motivos aínda se descoñecen que levou ao agora arretado a coller un coitelo, co que supostamente ameazou a un sobriño, quen, por mor desta situación, decidiu botar ao home da vivenda e advertir á Garda Civil do que acababa de ocorrer.

Escampado
Xa fose do domicilio, este baionés colleu presuntamente á súa parella e levoulla a un escampado situado nun monte próximo á casa. Foi alí, segundo indicaron as mesmas fontes, onde ao parecer agrediuna e violouna. No mesmo momento en producíanse estes feitos os axentes que foran requiridos polo familiar que fora ameazado por este home chegaron ao lugar e trasladáronse ata o monte.

Con todo, o presunto agresor deuse conta da presenza dos gardas civís e deuse á fuga. Mentres os axentes puñan en marcha un dispositivo para tratar de localizalo, a vítima foi trasladada ao Hospital Xeral de Vigo. A muller, proseguen as fontes referidas, presentaba varios hematomas pero recibiu o alta pouco tempo logo do seu ingreso.

O dispositivo posto en marcha esa mesma noite deu os seus froitos onte ao mediodía. A chamada telefónica resultou crucial e os axentes procederon á detención de J.J.P.R. na estación de autobuses, concretamente ás 13 horas, pondo fin a unha fuga que se prolongou durante quince horas.

O home permanece nos calabozos da Garda Civil de Vigo á espera de ser posto a disposición xudicial. Con toda probabilidade, esta situación producirase este mesmo luns ante o Xulgado de Instrución Número 1 de Tui que é o que se encarga dos casos de violencia de xénero. O Instituto Armado imputa a este home un presunto delito de agresión sexual e outro de ameazas con arma branca.
Antecedentes
O detido conta cun gran número de antecedentes policiais. O primeiro remóntanse ao ano 1995 e a maioría son por delitos de roubo cometidos tanto en Madrid, onde ten a súa residencia habitual na actualidade, como na zona do Val Miñor.
Na mañá de onte numerosos veciños da zona recibían con consternación e sorpresa as noticias sobre estes feitos. O alcalde de Oia interesouse persoalmente polo caso ocorrido no seu municipio.

Vía > Faro de Vigo

A Consellaría de Cultura afronta a recuperación das vellas pontes de Galiza

.
0 comentarios

Este plan permitiu xa a recuperación de pontes de época medieval en Mondariz, Ponteareas, Gutiriz, Tui e Palas de Rei.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, expuxo as características do Plan de Recuperación de Pontes Históricas, posto en marcha no segundo semestre de 2005. Desde entón a consellaría investiu 1.378.000 euros en reparar e consolidar oito pontes datadas entre os séculos XIV e XVII, entre as que están as tres actuacións que se executarán este ano en Noia, Becerreá e Teo. A estas hai que sumar as intervencións en seis pontes máis que está previsto realizar entre 2008 e 2009.

Ánxela Bugallo anunciou que se están facendo estudos previos e proxectos de execución para afrontar diversas actuacións entre este ano e o vindeiro en seis pontes históricas. Entre elas figuran varias construcións que sufriron nos últimos anos problemas debidos ás crecidas dos ríos. Unha delas é a Ponte Marzá, unha pontella tradicional sobre o río Mandeo, no concello de Curtis. Para esta construción está prevista unha actuación de reparación e de consolidación.

Ademais, está previsto intervir na Ponte Nafonso, ponte medieval que une Noia e Outes, para a que se están estudando as súas necesidades construtivas e de acondicionamento. Para a Ponte Cruzul (Becerrreá), do século XVIII, están previstos traballos de limpeza e consolidación. Na Ponte Vella de Monforte de Lemos (medieval) farase unha actuación de consolidación. E na antiga Ponte do Pozo Negro en Pontesampaio (Pontevedra), desaparecida polas riadas de 2006, estase realizando un proxecto para consolidar os restos que se conservan e facer un paso de nova construción. Tamén foi derrubada pola crecida do río a Ponte de Broi en Oia, unha construción de principios do XIX que Patrimonio estuda agora a posibilidade de reconstruír.

Na súa intervención, Ánxela Bugallo destacou a importancia de conservar e poñer en valor as pontes relacionadas cos camiños históricos, como calzadas romanas, vías de peregrinación e os chamados camiños reais. A conselleira sinalou que a súa importancia motivou a activación dun Plan de Recuperación de Pontes Históricas co que se está actuando en construcións deste tipo, principalmente de época medieval e moderna, e que en moitos casos teñen orixe galaico-romana.

Para Bugallo “este Plan de Recuperación supón un avanzo importantísimo na súa posta en valor das pontes e camiños históricos e vén demostrar que a nosa acción política ten por obxecto o desenvolvemento de programas integrais que permitan cambios cualitativos na consideración social da cultura e do patrimonio e a súa relación intensa e proveitosa coas dinámicas favorecedoras do desenvolvemento social e económico do noso país”.

O Plan de Recuperación de Pontes Históricas contou ata o de agora cun investimento de 1.378.480 euros. Deles, 739.062 investíronse entre o segundo trimestre de 2005 e o ano 2007 na recuperación de cinco pontes. Na da Cernadela (Mondariz) e a Ponte das Partidas (Ponteareas), do século XIV a primeira e XIV ou XV a segunda, realizáronse actuacións de limpeza e adecuación. Nas pontes medievais de San Alberte (Guitiriz) e do Louro (Tui) fixéronse reparacións estruturais nas que se afianzou a estabilidade das pontes. E no caso de Ponte Ferreira (Palas de Rei), tamén medieval, realizouse o proxecto de intervención e a reparación en colaboración co Xacobeo.

En 2008 repararanse tres novas pontes construídas entre os séculos XIV e XVII. Trátase da Ponte Gatín, en Becerreá, a Ponte de Traba en Noia e a ponte de Pontevea, no Concello de Teo. A Consellaría investirá 639.745 euros nos traballos de reparación e consolidación destas tres construcións.

Vía > Xornal

Un laboratorio de ideas nunha leira de Mougás

. 4 de julho de 2008
0 comentarios

Aida Gómez e Diego Vasko fan libros pero non son escritores. Xuntos forman o dúo artístico A Pluma Eléctri*k, que se adicou nos últimos tres anos a crear máis de 700 libros de artista. Trátase dun labor que mestura artesanía e arte e que permite converter en obras de arte portadas de libros que elaboran a man e que decoran con todo tipo de obxectos.

A Pluma Eléctri*k converteuse nun dos colectivos artistísticos máis influentes do barrio de Lavapiés en Madrid, aínda que moitas das súas ideas xurdiron nunha leira da parroquia de Mougás en Oia. Alí viven os avós de Diego e é onde acode con frecuencia como lugar de respiro artístico e para afastarse do bulicio de Madrid.

Precisamente un vídeo en galego gravado na leira de Mougás recibía ata fai uns días aos que acudían á exposición deste dúo na súa casa taller de Madrid. Alí exhibían algúns dos seus últimos libros de artista e as súas novas propostas. Comezan así un grupo de catro exposicións que renderá homenaxe aos elementos e que lles levará pronto a Eivissa, Bilbao e Barcelona. Por agora, onde non teñen previsto expor é en Galicia que se nos resiste bastante porque non hai un circuíto alternativo para a arte como si que ocorre, por exemplo, coa música», explica Diego. Ata hai pouco os seus libros podíanse comprar na librería do Marco pero agora os seus libros non se venden en ningún punto de Galiza aínda que nun futuro non moi afastado estarán nunha librería da Coruña.

Ata o momento crearon 726 libros nos que usaron todo tipo de tecidos e pinturas pero tamén antigüidades, material informático e electrodomésticos estragados. Nos últimos meses propuxéronse novos retos como realizar intervencións artísticas en plena rúa. Reutilizan os obxectos que se van atopando, danlle unha visión artística e o inmortalizan co seu cámara, unha vez sinalizado con cinta azul e cun letreiro co nome da obra.





+ Vídeos

Vía > A Voz

Buscan un veciño de Oia acusado de agredir e violar a súa moza

.
0 comentarios

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
13:49 Galiza Noticias Mediodia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
12:59 A Revista

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
09:02 Bos Días

Educación Viaria na Galescola de Oia

. 3 de julho de 2008
0 comentarios

Os nenos e nenas da galescola de Oia estiveron a realizar diferente tipo de actividades ao longo dunha semana relacionadas coa educación viaria.

Como motivación contouse na aula o conto: “Os bolechas queren saber como é a policía local”. Confeccionáronse sinais de tráfico utilizando para elo material de refugallo, e aprendeuse o seu significado na asemblea. Como complemento a estas actividades utilizáronse as novas tecnoloxías visualizando no ordenador diferentes vídeos educativos sobre o tema.

As familias pola súa parte tamén participaron nestas actividades educativas, achegando á clase diferentes materiais relacionados co tema: unha alfombra cun deseño dunha cidade con estradas, sinais, pasos de peóns, semáforos, institucións públicas,…; pequenas réplicas plásticas de sinais de tráfico; coches e motos de policía; e outros coches variados.


Como colofón á semana houbo unha visita moi especial na escola: A POLICÍA LOCAL de BAIONA, porque en Oia entre outra cousas tampouco temos policía local.

Vía > Galescola