Unha vertedura de lodos arrasa unha decena de pozas naturais en Oia

. 22 de junho de 2008

Os veciños acusan a unha empresa eléctrica de provocar o desastre ao baleirar un encoro para non limpalo

A comunidade de montes de Burgueira afirma que os danos producidos no río Tamuxe son irrecuperables o perigo continúa

Un vertido area e lodo procedente do encoro que xestiona unha minicentral eléctrica tapou literalmente unha decena de pozas naturais que se atopan na canle do río Tamuxe á altura da parroquia de Burgueira, en Oia.

O desastre non perdoou á máis grande de todas, a poza do Arco, que é un dos principais reclamos turísticos da localidade e que cada verán atrae a centenares de persoas de toda a comarca.

A acumulación de materiais permite agora atravesar andando unha fosa que sempre tiña entre tres e cinco metros de profundidade e onde os bañistas se tiraban de cabeza.

A comunidade de montes de Burgueira sospeita que ocorreu fai uns 15 días e presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil da Guarda e ante a consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Norte.

O presidente, Camilo González Giráldez, afirma que os danos son irrecuperables e cre que os responsables da empresa eléctrica abriron as comportas para baleirar o encoro porque estaba cheo logo das choivas dos últimos días. Pero ao facelo, tamén soltaron unha incalculable cantidade de toneladas de area do fondo que arrasou máis dun quilómetro da canle do río, que poderían pór tamén en perigo as prezadas pozas de Loureza.

Permiso de limpeza

Hidrotide Agrupación de Interese Económico, con domicilio social en Tui, dispuña dun permiso da Confederación Hidrográfica do Norte para levar a cabo os traballos de limpeza e eliminación de lodos no encoro de azud da central de Vilachán de maio deste ano. O ano pasado a Dirección Xeral de Conservación da Natureza denegou a autorización porque esta compañía non especificaba o destino de todo o volume de sedimentos que prevía extraer. Agora podía facelo coa excepción de non arroxar os materiais de desfeito ao río. «Moito nos tememos que lles sae máis económico pagar unha sanción antes que cumprir», lamentaba onte Camilo González.

Vía > A Voz de Galicia