«¿Quen me saca este bicho de encima?»

. 20 de maio de 2008

«Se me rebenta a balea, teremos que marcharnos todos de Oia porque ninguén vai aguantar esta peste, ¿quen me saca este bicho de encima». Así se expresaba onte o alcalde de Oia, Leandro Rodríguez, ante unha responsable da Xunta á que pediu axuda para poder sacar o cetáceo de Viladesuso. O seu teléfono móbil botou faíscas durante toda a mañá. Un concello con escaso orzamento, pouca maquinaria e sen policía local o único que pode facer cando vara no seu territorio un mamífero de doce toneladas é pedir axuda á Xunta. «Tívenlles que mandar unha foto por correo electrónico para que me crean», protestaba onte o rexedor. Pero ao final, tras moito insistir, logrou que esta mesma tarde se poña en marcha unha operación de rescate.

Os operarios municipais acudirán pola mañá a atar un cabo á balea e pola tarde, coincidindo coa pleamar, unha lancha de Salvamento Marítimo intentará remolcalo ata o porto de Oia.

A operación será bastante arriscada posto que o lugar da costa onde varou o cetáceo é unha zona de moitas rocas e de difícil acceso por mar. Os varamentos de grandes mamíferos constitúen un verdadeiro problema en concellos pequenos como o de Oia ou Corcubión. Con animais de menor tamaño poden improvisarse outras solucións. Onte, por exemplo, o Concello de Oia sacou das rochas de Mougás un caldeirón atado a unha corda e tirado por un tractor, deixando de facer outros labores.

Vía > A Voz de Galicia