O BNG do Baixo Miño e Vigo instan á Medio Ambiente a garantir a defensa da Serra da Groba

. 30 de abril de 2008

Os Consellos Comarcais do Baixo Miño e Vigo instan á Consellaria de Medio Ambiente a que o seu informe sexa o máis riguroso posible cara a garantir a protección natural da Serra da Groba.

O proxecto de instalación do Parque Eólico Albariño I, que afecta aos concellos de Gondomar, Oia, Tomiño e moi especialmente ao de Baiona, enmárcase dentro das actuacións promovidas polo plano eólico do anterior goberno da Xunta de Galiza que no seu decreto 302/2001 regulaba o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galiza.

O devandito plano eólico demostrouse un exemplo significativo dun xeito de proceder pensado exclusivamente para beneficiar ás empresas, sen establecer mecanismos de control que permitiran avaliar rigurosamente a necesidade das actuacións propostas ou o impacto que xerarían sobre o entorno. Deste xeito permitiuse a implantación de muíños xeradores en lugares especialmente delicados polo seu valor medioambiental, cultural, patrimonial e paisaxístico, sen adoptar ningunha medida encamiñada a minimizar ou corrixir o impacto.

Ante esta situación, o BNG apoia os esforzos que desde a Consellería de Innovación e Industria se están a facer, na súa aposta por un modelo eólico pensado nos intereses de todos os galegos e galegas e respectuoso co noso medio natural que permite corrixir as grandes eivas do anterior e que ten en conta as necesidades reais de consumo enerxético e de desenvolvemento económico de Galiza.

Igualmente desde o BNG pidese á Consellaría de Medio Ambiente que sexa o máis rigurosa posible á hora de elaborar os informes que se refiren aos parques que foron autorizados dentro do modelo eólico do anterior goberno do PP e que están a ser construidos na actualidade.

Vía > InfoRosal