O PPdeG pregunta a Touriño por qué fuxiu onte de Oia

. 29 de março de 2008

Pérez Ares felicítase de que o presidente da Xunta elixise a comarca para disfrutar dunha “agradable xornada de turismo institucional”, pero recórdalle que a obriga dun gobernante é resolver os problemas dos cidadáns
O PPdeG lamenta que o presidente da Xunta, que onte visitou diferentes concellos da comarca do Val Miñor e Baixo Miño, non tivese tempo para achegarse ás familias de Oia afectadas polas enchentes do outono de 2006, que ano e medio despois dos sucesos, seguen agardando que o Executivo autonómico cumpra a súa palabra a repare os danos, tal e como o propio Touriño se comprometera, persoalmente, ante os afectados.
César Pérez Ares, deputado do Grupo Parlamentario Popular, entende que a actitude amosada hoxe polo presidente da Xunta constitúe unha "fuxida dos propios compromisos de Touriño, feito que pon en evidencia que titular do Executivo autonómico carece de palabra e non é de fiar".
Recorda Pérez Ares que o concello de Oia chegou a demandar xudicialmente á Xunta de Galicia para reclamar a materialización dos compromisos adquiridos, tanto coas familias que sufriron notables desperfetos nas súas vivendas, como para a reparación das infraestruturas afectadas polas trombas de auga. A Xunta aparece como responsable subsidiaria dos danos na medida en que as enchentes foron consecuencia dos incendios rexistrados no verán anterior xa que, a pesar das múltiples advertencias das que foi obxecto, non adoptou medida algunha para evitar ou, polo menos, minimizar as perdas producidas.

Problemas e carencias sen resolver
O deputado popular felicítase de que Pérez Touriño elixise a área costeira do sur de Galicia para pasar unha "agradable xornada de turismo institucional", pero recórdalle que, como presidente da Xunta, ten a obriga de resolver os problemas e carencias dos cidadáns. Neste sentido, Pérez Ares recorda a Touriño que as obras da vía de alta capacidade do Baixo Miño continúan sen iniciarse e que parte do trazado dese vial segue sen ser determinado; que os parques empresariais continúan paralizados, despois de case tres anos de bipartito, mentres as empresas foxen a Portugal, onde dispoñen de solo industrial abundante e a prezos económicos; ou que os veciños de concellos como a Guarda e O Rosal reclaman desde hai meses poder acceder á televisión dixital terrestre sen que a Administración sexa capaz de ofrecer unha resposta satisfactoria.

Vía > InfoRosal