Declarada de xeito provisional, como espazo privado de interese natural, o espazo natural de Sobreiras do Faro, no concello de Oia

. 7 de março de 2008

A Consellaría de Medio Ambiente ven de declarar de xeito provisional, como espazo privado de interese natural, o espazo natural de Sobreiras do Faro, na parroquia de Viladesuso en Oia. Así o recolle o Diario Oficial de Galiza hoxe, coa publicación da Orde de data 18 de febreiro deste ano.

Durante o prazo da declaración provisional do espazo natural de Sobreiras do Faro como espazo privado de interese natural, que será de dous anos, e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso deberá achegarlle á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o plan de conservación deste espazo.

A xestión do espazo natural de Sobreiras do Faro será responsabilidade e competencia da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso. Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do espazo levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Para máis información, pódese consultar a Orde publicada.

Vía > InfoRosal

1 comentarios:

Anônimo disse...

A pasada fin de semana, uns cantos amigos estivemos facendo un percorrido polas sobreiras de Viladesuso. Aínda que xa coñecía o lugar, nunca o "pateara" por completo, incluído o río que o cruza (río Broi). Coido que é un dos lugares naturais de maior beleza do noso concello, aínda que a "invasión" do eucalipto estivo a piques de acabar con ela. Entre outras cousas, é unha pena ver o estado no que están quedando algunhas sobreiras, polas cortas de madeira que se están a realizar na zona con maquinaria pesada. Parte delas ten con boa parte das súas polas rotas e outras están tronzadas pola metade. O que non conseguiron nin os incendios nin as riadas vaino a conseguir (unha vez mais) o home. Agora que se está tramitando a súa consideración como "espazo privado de INTERESE NATURAL" (Zona protexida que deberá contar cun plan de xestión e conservación), é de agardar que aumenten considerablemente as visitas á zona; polo tanto, aínda da mais noxo que o estado dalgunhas sobreiras sexa tan lamentable, así como o da estrada de acceso, toda chea de restos das cortas, da alambrada destruída polo incendio, etc. Tal e como se reflexa na propia declaración provisional a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso dispón dun prazo de dous anos para presentar un plan de conservación para que se produza a declaración definitiva. Nembargantes, a declaración provisional implica a aplicación do réxime de protección preventiva de conservación da natureza, e que os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos na zona deben de ser compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración. Non sei de quén pode ser a responsabilidade do que alí está a acontecer pero considero que non é bo, e que hai que solucionalo axiña para que a cousa non vaia a mais. Agardemos que cando as máquinas rematen o seu traballo quede todo en mellor estado, aínda que parte das sobreiras sexan xa irrecuperables. Polo ben das sobreiras, polo ben de todos.