Oia (por Mercedes Álvarez)

. 6 de fevereiro de 2008

Hai cousas duns meses, cando caíron as primeiras choivas, volveu saír este personaxe pola pequena pantalla. Foi no informativo local da TVG.
Tiven sorte de poder ver a súa actuación porque estaba fora do concello, xa que en Oia seguimos conectando con Ourense na hora do informativo e os veciños non poden ser participes das inmellorables postas en escena deste actor. “Que castigos nos manda a Xunta!, declaraba.
Eu pregúntome: quen castiga, quen minte ou quen non sabe o posto que ocupa? Senón, que obxecto ten que cando foron as primeiras riadas este devandito actor máis os seus concelleiros andiveran eles dirixindo as máquinas de limpeza coma se de enxeñeiros se tratara, ou que obxecto ten esa carta de agradecemento ao conselleiro de Presidencia polas axudas recibidas, para logo manifestarse en contra da Xunta con mentiras.
En Oia, actuacións como estas e castigos pola parte desta personaxe temos dabondo, como que xa estamos cansos de dirixirlle cartas das que nunca obtivemos unha resposta.
Nunha desas cartas fixemos forte fincapé no acceso á vivenda dunha persoa que se atopa en cadeira de rodas, xa que cando se fixeron as beirarrúas deixaron un buraco con escalóns funcionando como recolledor de lixo, que ademais de non permitirlle entrar nin saír da súa casa, é un perigo para todos xa que de noite non se ve, de xeito que calquera pode caír nel.
Este ven sendo un dos castigos que este alcalde, Alejandro Rodríguez (PP), impón aos seus veciños.
Falando de lixo e de imposicións, para este ano 2008 ten a ousadía de impoñer a subida da taxa da recollida do lixo, un servizo que ten moito que mellorar e pola que pagamos case tanto como nunha cidade; outra das imposicións é a da taxa pola rede de sumidoiros, que moitos veciños aínda non teñen, e o peor de todo é a contaminación que este mal gobernante permite botar ao mar sen termos unha depudora en funcionamento. Insiste tamén na imposición e ordenación do imposto sobre o incremento de valor dos bens de natureza urbana, despois de organizada xa sobre este capítulo unha desfeita que non é pequena. Considerando éstes, outros dos seus castigos, que medite este alcalde se o seu papel en lugar de estar en Oia non estaría mellor en Hollywood.

Mercedes Álvarez (Oia)

Vía > Faro de Vigo CARTAS AO DIRECTOR

1 comentarios:

Anônimo disse...

Se alguen coñece a Mercedes Álvarez que deixe recado aquí. Graciñas