Silleiro, un faro de selo

. 9 de janeiro de 2008

Parece un adiviñanza, pero non. É que Correos elixiu Silleiro para a súa nova serie de selos de faros, que chegarán ao mercado o próximo mes de setembro. Na serie en cuestión, o primeiro faro galego con selo propio estará acompañado polos de Torredembarra (Tarragona), Irta (Castelló) e os insulars de punta Orchilla (O Hierro ), Pechiguera (Lanzarote) e Barbaria (Formentera). Como é fácil de imaxinar, os filatélicos da provincia e, en particular, os de Baiona, están que non caben en si.

Igual que Jesús Vázquez Almuíña, o alcalde, que me recordaba onte que é un dos máis emblemáticos de Europa. De feito, Sillero ten capítulo propio no libro que recolle o proxecto europeo de faros da costa atlántica. En resumidas contas, que Correos o que veu a facer é xustiza. «Ademais está nunha contorna única, aínda que non é menos verdade que pouco aproveitado», afirmaba Almuíña. No seu día elaborouse un proxecto para abrir un albergue que, de momento, non callou.

Aínda que está completamente mecanizado, segue recibindo a visita periódica dos fareiros. Manuel e Luis son os que máis o frecuentan e manteñen en perfecta situación de revista, a pesar de que está a piques de cumprir 142 anos.

A día de hoxe a súa potente luz ten un alcance de 40 millas (se o tempo está despexado), distancia que seguro non alcanzaba nin en soños nos seus primeiros tempos, máis que nada porque entón a luz propiciábaa unha lámpada de mecha de aceite vexetal. En 1909 chegaría o petróleo e en 1960 o chorro de 3.000 watts que emite a actual lámpada. Resumindo, que é un dos principais puntos de orientación do tráfico marítimo nesta parte do Atlántico.

Por certo, o de Silleiro non será o único selo que emita Correos este ano con protagonismo galego. Mañá sen ir máis lonxe verá a luz un sobre camelias, e alá por xullo outro sobre regatas de traiñeiras.

7 comentarios:

Anônimo disse...

Un dos debates moi interesante acerca do Faro de Silleiro é a súa ubicación, pois segundo teño entendido está dentro dos límites do concello de Oia; nembargantes nos medios de comunicación aparece a miúdo asociado ao concello de Baiona (como neste exemplo). Se é certo que pertence ao noso concello e non o defendemos, témome que o perderemos, o cal sería unha pena e algo moi lamentable.

Anônimo disse...

Se o Goberno de Oia, nunca fixo nada por reveindicalo, pois o normal e que que os medios de comunicación falen con quen o reivindica. Pero no Concello de Oia están traballando nas "súas" cousas. O que deberían facer, tan pronto leran a noticia da Voz (supoñendo que len a prensa) é chamar a redacción da Voz e decirlles que para próximas novas do Faro de Cabo Silleiro que se poñan en contacto co Concello de Oia. Pero repito eles estan o seu.

oiawifixa disse...

Pois seguramente non leerán a prensa xa que as novas de Oia aparecen en Faro de Vigo na comarca do Val Miñor cando pertence ó Baixo Miño e ninguen di nada. A min que mo expliquen. Voullo ter que preguntar ós de Faro para saber a que se debe isto. Vos sabédelo?

Anônimo disse...

Que ¿xa preguntaches a os de Faro de Vigo por que as noticias de Oia aparecen reflexadas na sección do Val Miño? ahh, e ¿por que non compartes con nos a información? que pasa ¿non te interesa? pois enton pensa o que dices antes de escupir

Anônimo disse...

Dende faro dinme isto:
"Estimado lector:

Aunque no hay un consenso total, desde siempre se consideró que pertenece al
Val Miñor.


Posiblemente en el concello le puedan ampliar más la información.

Reciba un cordial saludo

Faro de Vigo

Redacción"

e na páxina web do concello pon claramente que pertence ó Baixo Miño. O que non sei e se nalgún momento pertenceu ó Val Miñor. Ti sabelo alaa? ou so tas aqui para incordiar?

Anônimo disse...

Que eu saiba, o Faro de Vigo é o único xornal, e tamén o único "sitio" onde aparece Oia formando parte do Val Miñor e, tendo en conta que realmente no noso concello temos un río (o Tamuxe, aínda que a súa parte baixa discorre polo Concello de O Rosal) que verte no Miño e ningún que verta no Miñor, parece claro, sinxelo e o mais correcto adscribir Oia ao Baixo Miño.

Unknown disse...

A Xunta de Galicia sacou hai uns anos unha lei que regulaba as comarcas. Desafortunadamente atenderon a todos os criterios menos aos dos veciños implicados. Xa que logo, a comarca do Val Miñor non existe e os tres concellos están incluidos na comarca de Vigo. Oia aparece como comarca do Baixo Miño e como tal ten a súa consideración en todos os lados, menos no Faro, para dar un pouco de traballo ao corresponsal.

Por certo, que o Faro de Silleiro atópase dentro dos límites do Concello de Baiona. Somentes hai que ir aos PXOM's de cada concello para observar onde é o límite real de cada quen.

Durante a tramitación dos PXOM's os concellos limítrofes deben emitir un informe, xa uqe logo, se hai en Oia quen pensa que Silleiro é de Oia, non debe perder a ocasión de reclamar que nese informe se faga constar o feito.