A Cruz Vermella Baixo Miño celebra O Día Mundial para a Non Violencia o vindeiro martes 29 de xaneiro

. 26 de janeiro de 2008

Con motivo da proximidade do Día Mundial para a Non Violencia, a Cruz Vermella no Baixo Miño organizará unha actividade baixo o lema 'Coñece aos Nobeis da Paz' no CP de Refoxos de Loureza- Santa Mª de Oia, o vindeiro martes 29 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 horas.

O principal obxectivo desta acción é concienciar á poboación infantil e xuvenil da comarca sobre a importancia da Paz tanto a nivel mundial como nas pequenas accións da nosa vida cotiá, por iso desde Cruz Vermella creen na necesidade de transmitir a importancia do diálogo, a empatía e a solidariedade para resolver de forma pacífica, moitos conflitos diarios tratando de potenciar e inculcar á poboación máis nova a educación para a paz e o rexeitamento a calquera tipo de violencia fomentando o respecto, a cooperación e a amizade entre os nenos e as nenas independentemente das súas características.

Para a celebración deste ano decidiron achegarlles aos mozos as historias dos máis importantes embaixadores da Paz mundial que recibiron ademais un recoñecemento público, sendo galardoados co Nobel da Paz pola súa loita incansable polos demais. Para o desenvolvemento desta actividade apoiaranse nas novas tecnoloxías, a través das cales os mozos informaranse sobre estes personaxes, coñecerán as súas biografías, resumirán e exporán aos seus compañeiros os seus novos coñecementos.

Estas actividades atópanse enmarcadas dentro do proxecto Sen Violencia-Convivencia de Prevención de Condutas Violentas que o equipo de voluntariado de Cruz Vermella Mocidade no Baixo Miño desenvolve en varios centros de ensino secundario da zona e que conta co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra e o Ministerio de traballo e asuntos sociais. Durante o ano 2007 atendéronse a 109 mozos nos IES Primeiro de Marzo e CPI Covaterreña de Baiona; CEIP Mestre Manuel García de Sta Mª de Oia.

Vía > InfoRosal