Angustias, unha estrela mediática

. 17 de janeiro de 2008

Os fillos de Angustias Mariño González onte non foron ao colegido. Tocoulles quedar en casa para poder saír no programa de Ana Rosa Quintana. A sorprendente historia desta muller de Oia que a semana pasada púxose de parto sen saber que estaba embarazada deu a volta ao país e converteuna nun personaxe popular da noite para a mañá.
Desde o pasado domingo non parou de recibir chamadas telefónicas e visitas de xornalistas de medios de comunicación de toda España. Xa quixesen moitos políticos neste período preelectoral ocupar tantos minutos como ela na pequena pantalla.
Esta muller de 39 anos contou xa o seu testemuño en todos os telexornais das grandes cadeas nacionais e apareceu en programas como España directo , Polas mañás ou Xente .
O veterano locutor de radio Luis del Olmo espertouna a pasada madrugada para que volvese contar ante a súa audiencia como ningún médico se decatou do seu embarazo, a pesar das múltiples probas que lle realizaron, incluída unha ecografía.
Angustia xa perdeu a conta de todas as entrevistas que concedeu en apenas tres días e espera que a medida que pasen os días vaia decrecendo o interese dos medios polo seu caso. Pero polo momento hoxe xa ten unha nova cita coa televisión autonómica de Cataluña e o seu caso segue sendo un dos máis comentados nos foros e blogs de Internet.
«Por favor, que non vingan máis», suspira Olga, a avoa da criatura. A central do Concello de Oia viuse tamén colapsada pola gran cantidade de chamadas de persoas que intentaban localizar á nai.
Testemuño
Outros famosos especializados na arte de vender historias fixéronse de ouro contando unha experiencia así, «pero eu non quixen sacar tallada do asunto, quíxeno contar polo meu fillo e para que non volva repetirse un caso de estes», afirma.
A muller foi dada de alta o pasado sábado no Hospital Xeral, logo de ter un neno sen que soubese que estaba embarazada nin ningún médico detectáseo.
E mentres tanto, o pequeno Eulogio dorme e come plácidamente alleo á enorme polémica que se xerou ao redor do seu nacemento.

Vía > A Voz de Galicia