Nove de cada dez usuarios das Galescolas están "satisfeitos" co funcionamento dos centros

. 4 de outubro de 2008

Nove de cada dez usuarios das Galescolas din estar “satisfeitos” cos equipamentos, atencións e servizos prestados por estes centros. Así se desprende dun estudo realizado pola Vicepresidencia da Xunta para coñecer a satisfacción dos usuarios das Galescolas en cuestións de instalacións e equipamentos; información e comunicación; funcionamento; e servizos e actividades, entre outros.

A través das enquisas realizadas neste estudo ponse de manifesto que o 90 por cento das persoas usuarias (pais e nais) das Galescolas amosan a súa alta satisfacción coas instalacións, o confort e o material e equipamento dos centros, e, especialmente, co lugar onde se localizan estes centros, un aspecto que o 95,1 por cento dos entrevistados cualifica de bo ou moi bo.

Este alto grao de satisfacción trasládase tamén ao referente ao funcionamento xeral das escolas infantís. Neste punto, o trato dispensado polos traballadores das Galescola é o aspecto mellor valorado, cun 96,8 por cento de pais e nais que o consideran bo ou moi bo; seguido da profesionalidade do persoal e da axuda na resolución de dúbidas, cun 94 por cento de usuarios que o consideran de bo ou moi bo.

Ademais, a meirande parte das persoas entrevistadas, nunha porcentaxe que supera ao 90 por cento, avalou tamén o bo traballo realizado nos aspectos de funcionamento do centro referidos á información e matrícula, período de adaptación do neno, funcionamento diario, resolución de problemas, atención personalizada, clima de confianza, e xestión e trato do director.

Vía > GZ Nación