A vertedura de area de Oia ameaza con arrasar as pozas de Loureza

. 11 de setembro de 2008

Un novo desastre natural podería volver producirse no municipio pontevedrés de Oia se non se toman medidas urxentes para retirar as máis de 3.000 toneladas de terra procedentes dunha vertedura do encoro que unha minicentral eléctrica explota en Burgueira.
O lodo que taponou irremediablemente as pozas nesta zona de Oia o pasado mes de xuño supón agora unha ameaza para as seguintes que se atopan río abaixo, as coñecidas pozas de Loureza, un dos principais atractivos turísticos que ten o municipio.

Trátase dun lugar moi frecuentado no verán non só polos veciños da zona, senón tamén por numerosos amantes da natureza, que acoden atraídos pola beleza paisaxística do lugar. Corren perigo a poza de Folón, así como as fervenzas de Loureza, que se atopan a menos dun quilómetro da zona afectada pola vertedura.

O presidente da comunidade de montes, Cándido González Giráldez, afirmou onte que se desde as Administracións públicas continúa sen tomarse ningunha medida, as pozas poderían desaparecer antes de que chegue o inverno. Todo depende das choivas que caian ao longo dos próximos días.

A tormenta que descargou sobre o monte de Oia o pasado fin de semana provocou unha nova riada que desprazou toneladas de area máis de 400 metros río abaixo. A vertedura atópase xa a menos dun quilómetro das pozas de Loureza. «Abonda con que chova un par de días para que teñamos un novo desastre», manifestou onte o representante comunal.

A burocracia

Pero mentres a necesidade dunha actuación urxente aprema, a Confederación Hidrográfica do Norte aínda non avaliou os danos para abrir un proceso sancionador. Non hai data para levar a cabo a retirada de toda a terra acumulada.

Primeiro hai que elaborar un informe da situación, para despois remitilo aos servizos xurídicos para que emitan outro informe previo a unha resolución final.

Este organismo podería acabar obrigando á empresa supostamente responsable do incidente á retirada de toda a area. Portavoces da confederación informaron de que a empresa Hidrotide incumpriu as condicións de autorización para levar a cabo o baleirado da presa.

Unha vez avaliados os danos ambientais, a Confederación Hidrográfica incoará un expediente sancionador sobre a empresa. Afirma que a multa dependerá da gravidade das consecuencias ambientais.

Todo parece indicar que se trata dunha infracción grave, polo que a sanción podería alcanzar os 300.000 euros. Pola súa banda, portavoces da Consellería de Medio Ambiente afirmaron que non teñen competencias neste caso debido a que non se rexistraron danos sobre a fauna piscícola.

A dispersión das 3.000 toneladas de terra tamén pon en perigo campos de regadío

A vertedura de area xerou unha gran preocupación entre os pequenos produtores agrícolas situados nas marxes do río Tamuxe, á altura de Refoxos e de Loureza. Temen que se as choivas continúan arrastrando os sedimentos río abaixo, acaben tamén taponando os condutos de regadío que serven para abastecer os campos de cereais que existen nesta zona de Oia, uns 400 metros antes de chegar ás pozas de Loureza.

O presidente da comunidade de montes de Burgueira, que do mesmo xeito que o Seprona presentou unha denuncia nos xulgados polo sucedido, alertou onte deste perigo, que tamén xustifica a necesidade dunha actuación urxente.

Difícil acceso

A canle do río que hai que restaurar atópase nunha zona de difícil acceso para a maquinaria pesada. A empresa que traballa para a comunidade de montes estima que habería que utilizar camións con tracción nas catro rodas para poder chegar ata a zona do desastre. Nalgúns casos habería que extraer a area de xeito manual por tratarse dunha zona moi montañosa.

Especialistas da Escola Técnica Superior de Minas da Universidade de Vigo calcularon que a vertedura se sitúa entre as 2.000 e as 4.000 toneladas de terra.

Farían falta empregar ao redor de 400 camións para poder devolver as pozas de Burgueira ao seu estado natural.

Unha consecuencia das riadas que sufriu o municipio fai dous anos

A vertedura de area que arrasou as pozas de Burgueira podería estar relacionado coas riadas que sufriu o concello de Oia no outono do 2006, meses logo dos incendios que arrasaron boa parte da súa superficie comunal. Polo menos así o asegurou onte o alcalde, Alejandro Rodríguez. O rexedor, do Partido Popular, manifestou que durante aquelas riadas o encoro que xestiona a empresa Hidrotide, causante da catástrofe, recibiu unha gran cantidade de area e sedimentos. Este representante municipal opina que o Goberno autónomo tamén debería implicarse en buscar unha solución a este problema ambiental.

Vía > A Voz